O "acoso" aos movementos sociais galegos que non se detén

Manifestación na Coruña © 15M Montealto

Queremos Galego, Contraminacción, a Plataforma Galega polo Dereito ao Aborto, Stop Desafiuzamentos ou diferentes asociacións de afectados polas preferentes. A lista de colectivos que reciben multas ou ameazas de sancións por participar en diferentes mobilizacións no país continúa aumentando. Todas coinciden en denunciar o "acoso" que sofren e non descartan levar a cabo accións conxuntas contra o que consideran unha "criminalización" dos movementos sociais en Galicia por parte da Delegación do Goberno.

Queremos Galego, Contraminacción, a Plataforma polo Dereito ao Aborto, Stop Desafiuzamentos ou preferentistas son os sancionados

A última en ser multada foi a plataforma Contraminacción, que agrupa diferentes colectivos contra a minería contaminante. A asociación ecoloxista Verdegaia, que foi quen solicitou o permiso para a manifestación, recibiu unha multa de 450 euros por supostos “destrozos coincidindo co paso do grupo polos locais afectados” e que incluirían diversas pintadas en locais comerciais e o lanzamento de dous botes de fume.

“Se os feitos se produciron diante dos axentes da policía, por que esta non actuou nese momento? Parécenos unha neglixencia pola súa parte, dificilmente crible tendo en conta o seu habitual exceso de celo nas manifestacións. Ou é que nos atribúen os feitos sen teren a certeza de que se produciron ese día e como froito da manifestación?”, pregúntase Nela Abella, da Plataforma pola Defensa de Corcoesto. “Se o que pretenden é que quedemos na casa vendo a tele en vez de mobilizarnos, que o vaian esquecendo”, engade esta activista, que anuncia un recurso á sanción.

Segundo varias testemuñas, algunhas das pintadas que se lle atribúe ao paso da manifestación polo Día do Medio Ambiente do pasado 2 de xuño xa estaban nas paredes antes, o que incrementa as sospeitas sobre unha campaña de "criminalización" contra os movementos sociais, máis aínda tendo en conta os precedentes.

Queremos Galego e Contraminacción denuncian que pintadas que se lles atribúen estaban nas paredes antes do paso das súas manifestacións

Foi a última das multas coñecidas. Días antes, a plataforma Queremos Galego recibiu unha denuncia da Policía pola manifestación celebrada o 17 de maio, con motivo do Día das Letras Galegas. Neste caso acusan o colectivo de tirar globos e ovos cheos de pintura ou de diferentes pintadas que atribuén á marcha na que “participaron diversos colectivos e organizacións portando diversas pancartas en defensa da lingua galega”. A infracción equivale a unha multa que pode ir dos 300 euros a máis de 6.000. Os implicados denuncian que os lemas dalgunhas pintadas que se lle atribúen inclúen lemas que nada teñen que ver coas súas reivindicacións arredor da lingua e insisten na "criminalización" das protestas.

A Plataforma Galega polo Dereito ao Aborto é outra das acusadas nesta vaga de multas. Neste caso tamén por supostos "destrozos" durante a manifestación celebrada o pasado 16 de xuño, con argumentos semellantes por parte da Policía e cunha proposta de sanción idéntica. A coincidencia incrementa o receo dos colectivos, que cren que as autoridades "disparan contra todo o que se mova".

As sancións coñecidas as últimas semanas únense, xa que logo, ás recibidas masivamente nos últimos meses por activistas contra os desafiuzamentos ou pola estafa das preferentes. En concreto, preto de vinte persoas están na Coruña baixo ameaza de sanción por teren participado en mobilizacións a favor do dereito á vivenda ou contra os recortes sociais do Goberno do PP. Os ameazados de multa están acusados por diferentes feitos supostamente acontecidos na paralización do desaloxo da anciá Aurelia Rey o pasado 18 de febreiro, nunha concentración ante a sede do PP o 9 de abril ou nas diferentes mobilizacións polas expulsións derivadas do proxecto do parque Ofimático.

Os motivos das denuncias, chegadas da Subdelegación do Goberno, son comúns: dificultar a súa identificación -algo que Stop Desafiuzamentos cualifica de "totalmente falso" e que explica pola petición dos afectados aos axentes da Policía para que tamén se identificasen-, "instigar as masas a defender o dereito á vivenda" (como no caso de Aurelia Rey) ou "unha perversa interpretación do que supón a seguridade cidadá".

Uns vinte activistas están ameazados de sanción na Coruña por participar en diferentes mobilizacións

A motivación política das sancións é o que critican os colectivos sociais galegos. Do mesmo xeito opinan varias plataformas de afectados polas preferentes, que ven como desde antes do verán reciben unha avalancha de multas que van desde infraccións de tráfico por non levar o cinto ou falar polo móbil, sancións por tocar a bucina ou por ocupar unha vía. Milleiros de euros, centrados especialmente nos voceiros e líderes das concentracións, unha decisión que os afectados atribúen a "unha estratexia de acoso e derribo do PP, de Rafael Louzán, presidente da Deputación de Pontevedra, e da Subdelegación do Goberno".

Manifestación de Queremos Galego polo Día das Letras CC-BY-SA Praza Pública
Manifestación polo dereito ao aborto Dominio Público Fuco Buxán

Despece

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.