O 'acoso' telefónico das grandes compañías tamén se paga

Sede de E-On © E-On

O 3 de decembro de 2012 un operador da compañía eléctrica E-On chamou ao domicilio de Amelia, unha veciña de Vigo de 83 anos de idade para ofrecerlle un cambio do subministro eléctrico de Unión Fenosa á compañía alemá. A pesar de que a muller lle indicou en varias ocasións que prefería que este tema fose xestionado polo seu fillo, que non se atopaba na casa, o teleoperador continuou coa lectura do contrato, forzando, ás veces de maneira moi brusca, a Amelia a confirmar os datos e a dar o seu consentimento á oferta.

Este xoves vén de coñecerse a resolución da Axencia Española de Protección de Datos, que multa con 130 mil euros a E-On por ofrecerlle un contrato fraudulento a esta muller (sen o seu consentimento inequívoco), empregando ademais de forma abusiva a información contida nos ficheiros de datos persoais. As infraccións, tipificadas como graves na Lei de Protección de Datos de 1999 refírense ao artigo 6, que especifica que "o tratamento dos datos de carácter persoal requirirá o consentimento inequívoco do afectado". E tamén ao artigo 5.4, que di que "cando os datos de carácter persoal non foran recabados do interesado, este deberá ser informado de forma expresa, precisa e inequívoca, polo responsable do ficheiro ou o seu representante, dentro dos tres meses seguintes ao momento do rexistro dos datos".

A Axencia Española de Protección de Datos, que multa con 130 mil euros a E-On por ofrecerlle un contrato fraudulento a esta muller (sen o seu consentimento inequívoco), empregando ademais de forma abusiva a información contida nos ficheiros de datos persoais

A conversa completa pódese escoitar nesta ligazón: "Mire, eu son moi maior e estou enferma. Iso ten que aclaralo o meu fillo e non vive aquí". "Xa, pero esta é a última pregunta, ten que dicir si ou non para continuar. É correcto o número CUP do subministro? (...) Infórmolle de que vostede contratou o servizo durante un ano". Con este tipo de preguntas, e coa lectura completa do contrato, o teleoperador deu por aprobada a operación, ante as dúbidas da muller, que en absoluto era consciente de estar asinando compromiso ningún: "Esperemos que non haxa ningún problema", despediuse Amelia.

Un mes despois chegou a carta co contrato para cambiar o subministro eléctrico. De inmediato o fillo de Amelia se dirixiu ao servizo de Atención al Cliente de E.on para protestar pola incidencia; ademais, remitiulles unha carta certificada solicitando a anulación do contrato e tamén que lle remitisen a gravación na que se realizara a operación. A partir de aí denunciou o caso ante a Axencia Española de Protección de Datos, dado que o teléfono da súa nai está na lista Robinson, un servizo de exclusión publicitaria, e que -destaca- "foi moi importante para a resolución favorable do caso, un instrumento moi eficaz de defensa". Tamén denunciou a E-On ante a Fiscalía Superior de Galicia, por un posible delito de estafa, que finalmente non puido ser aplicado dado que a empresa non chegou a efectuar ningún cobro polo contrato de subministro.

O fillo da afectada recoñecía este xoves estar "contento" porque "de vez en cando meterlle unha pedradiña a Goliat senta ben"

Un representante de de E-on aseguráralle en marzo do ano pasado a Público que o caso estaba resolto "dende o 5 de febreiro" pero que fora "imposible contactar coa titular do contador para informarlle". Algo que o fillo da afectada puxo en todo momento en dúbida, xa que a compañía contaba con múltiples formas de contactar con el, que iniciara o procedemento de reclamación. A empresa tamén aseguraba, segundo recollía o xornal, que tomara "as decisións oportunas para que esa incidencia non volva suceder" dado que E-On "ten uns criterios moi estritos na atención ao cliente e ese operador non cumpría os protocolos".

"Creo que novas coma esta poden animar a xente a non quedar parada ante os abusos. O fundamental é que a xente se revolva ante estas cousas", conclúe

O fillo da afectada recoñecía este xoves estar "contento" porque "de vez en cando meterlle unha pedradiña a Goliat senta ben". "Imaxina como me sentín eu cando eu escoitei esa gravación, como me sentín ao escoitar a miña nai sometida a ese abuso e a esa violencia", di. Destaca, igualmente, o trato dilixente recibido en todas as entidades ás que se dirixiu para denunciar o caso, comezando pola Fiscalía e, sinala, por exemplo, que a Axencia Española de Protección de Datos non atendeu ningunha das reclamacións ou argumentos presentados pola multinacional. "Creo que novas coma esta poden animar a xente a non quedar parada ante os abusos. O fundamental é que a xente se revolva ante estas cousas", conclúe.

Sede de E-On © E-On

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.