O alcalde de Monforte, multado con 300 euros por protestar contra Sogama

Axentes empurran a Lino Rodríguez, alcalde de Pol, na protesta polo canon de Sogama CC-BY-SA Blas García

A loita dunha boa parte dos concellos de Galicia contra a suba dun 34% da taxa pola xestión do lixo por parte de Sogama continúa. Marzo foi o primeiro mes no que se aplicou a suba, que xa apareceu reflectida nas facturas recibidas por cada municipio en abril. E é agora cando os primeiros concellos van comezar a devolverlle a Sogama estas facturas, negándose a pagalas, alegando que a suba incumpre os termos do contrato, que prevían que o prezo variaría en función do IPC. Non todos adoptan esta decisión, iso si. Dos 97 concellos opostos ao taxazo, algúns, como Monforte, xa anunciaron que lle devolverán á empresa ás facturas, "en canto contemos co informe xurídico". Pola contra, outros prefiren agardar ás conclusións dese informe xurídico para adoptar unha decisión definitiva. 

Precisamente o rexedor monfortino, Severino Rodríguez (BNG), vén de recibir a notificación de que foi multado con 300 euros pola súa participación na concentración que o pasado 11 de marzo levaron a cabo os alcaldes críticos coa suba. Rodríguez recibe a proposta de sanción como representante do grupo de alcaldes e asinante da solicitude de permiso para a realización da concentración. A concentración acabou cunha carga policial na que os axentes antidisturbios chegaron a agredir varios alcaldes e deputados, unha actuación pola que os partidos da oposición pediron explicacións públicas. Na notificación recibida por Severino Rodríguez dende a Subdelegación do Goberno cualifícase a infracción como “grave”, o que deriva nunha proposta de sanción ao rexedor monfortino cunha multa de 300 euros.

Rodríguez anuncia que recorrerá a sanción e presentará alegacións no prazo habilitado para facelo, quince días. "Se a multa pretende disuadirme de que me mobilice á procura de solucións de problemas que padecen os monfortinos, non o vai conseguir" -afirma- "A Subdelegación do Goberno equivócase gravemente, non se pode criminalizar que os alcaldes actuemos responsablemente en beneficio dos nosos concellos. A solución é a negociación, non amedrentar aos representantes dos veciños. A solución é o diálogo, non as multas". Critica, ademais, que “un problema político como é a suba do canon de Sogama non debe converterse nun asunto de orde pública”.

Policías reteñen o alcalde de Becerreá, Manuel Martínez CC-BY-SA Blas García
Axentes empurran a Lino Rodríguez, alcalde de Pol, na protesta polo canon de Sogama CC-BY-SA Blas García
Concellos de toda Galicia levan meses amosando o seu descontento pola suba das taxas que cobra Sogama © encomun.es

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.