O apoio do PSOE á renda social da Coruña garantirá a súa aprobación

Silvia Cameán, concelleira de Xustiza Social e Coidados © Concello da Coruña

O proxecto da Renda Social Municipal recibirá o apoio do PSOE no pleno, segundo adiantou este domingo en Radio Coruña Silvia Longueira, que destacou que a iniciativa "é parte tamén do programa do partido socialista nas eleccións". A concelleira socialista destacou que a renda social "vai máis alá da emerxencia social", prestacións ocasionais nas que dixo non crer. Longueira aposta por solucións integrais coma a renda municipal, que "traballa coas familias que acoden aos Servizos Sociais e necesitan ese apoio". Neste senso, o PSOE defende a posta en marcha dun Plan de Rescate Social, máis amplo e necesario "porque hai familias que tendo traballo precario sofren a lacra da falta de inclusión social e necesitan unha mellora á hora de buscar emprego ou de reestruturar a familia".

A axuda, de 532 euros mensuais, servirá para cubrir as necesidades básicas das persoas que se atopan en situación de vulnerabilidade social na cidade e que non teñen dereito a Risga

A inciativa da Renda Social Municipal será presentada este luns polo alcalde Xulio Ferreiro e a concelleira de Xustiza Social Silvia Cameán nunha xuntanza con axentes sociais da cidade para que o coñezan de primeira man e poidan facer as súas achegas. A axuda, de 532 euros mensuais, servirá para cubrir as necesidades básicas das persoas que se atopan en situación de vulnerabilidade social na cidade e que non teñen dereito a Risga (Renda de Inclusión Social de Galicia) ou prestacións análogas. O Concello non ingresará directamente os cartos ás persoas beneficiarias, senón que pagará as facturas de bens e servizos que lle presenten, incluíndo os alugueres. A Lei de Subvencións impídelle aos concellos proporcionar rendas directas coma Risga achegada pola Xunta. En total, o Concello destinará 3 millóns de euros nos Orzamentos de 2016, se xeito que entre 500 e 1000 familias se poderán beneficiar desta axuda o vindeiro ano, un número que se espera que poida crecer nos anos seguintes.

Neste senso, Cameán instou este domingo á Xunta a modificar os criterios de concesión da Risga, “porque non está chegando a toda a xente que debería”. En Radio Coruña salientou "a cantidade de persoas que quedan fóra desta axuda”, sinalando que a metade das solicitudes para esta prestación que se formulan na cidade son rexeitadas. “O Concello ten que facer o posible para axudar á xente nesta situación de emerxencia social. Ogallá non tivésemos que vir cunha renda social, e que todas as persoas tivesen as súas necesidades cubertas coa prestación da Xunta, xa que é a que ten a competencia de levalas a cabo”, afirmou, avogando pola colaboración entre as administracións neste eido.

Cameán instou á Xunta a modificar os criterios de concesión da Risga, “porque non está chegando a toda a xente que debería”

“Movémonos nun marco bastante limitativo, porque a competencia para levar a cabo unha prestación social correspóndelle á Administración autonómica”, comentou, defendendo a fórmula escollida (o pagamento directo dos servizos) pois doutro xeito "a documentación e xustificantes que precisaría outro modelo poderían supoñer un atranco para os e as beneficiarias".

A concelleira incidiu así mesmo incidiu nas diferenzas que separan a Renda Social Municipal coas axudas que xa existen para emerxencia social: “Non é o mesmo. Nós entendemos que cando a xente acode aos servizos sociais non é por non poder pagar unha factura, senón que esa é a consecuencia do seu principal problema. E o que temos que facer é ir á causa fundamental deses problemas, atallar esa situación e acompañar a esas persoas mediante os itinerarios de inclusión social. O que queremos garantir aquí non é unha axuda puntual”.

Cameán: "O que temos que facer é ir á causa fundamental deses problemas, atallar esa situación e acompañar a esas persoas mediante os itinerarios de inclusión social. O que queremos garantir aquí non é unha axuda puntual”

Cameán defendeu que o proxecto conta xa co visto bo da Intervención Municipal e da Asesoría Xurídica, e foi realizado en colaboración coas traballadoras sociais do Concello. Apostou, ademais, pola participación no desenvolvemento da proposta por parte do tecido asociativo da cidade, a partir da xuntanza que terá lugar este luns. O apoio expresado este domingo polo PSOE garante a aprobación da proposta no pleno municipal. O BNG apoia o contido do proxecto, aínda que é crítico coa súa denominación. E o PP tamén pide a modificación do nome da iniciativa.

Silvia Cameán, concelleira de Xustiza Social e Coidados © Concello da Coruña
Imaxe dun dos últimos plenos municipais © Concello da Coruña

Despece

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.