O arrastre de cinzas dos incendios de outubro deixan Ribadavia sen auga potable

Arrastre de cinzas nun monte queimado da Limia © Amigas das árbores da Limia

A alerta lanzada acabou por facerse realidade. As fortes chuvias e a sucesión de borrascas que sofre Galicia desde hai semanas poñían en perigo pozos, ríos, acuíferos, mananciais ou rías de Galicia naquelas zonas que hai agora cinco meses foron máis afectadas pola vaga de lume que queimou 50.000 hectáreas nunha fin de semana e levou por diante a vida de catro persoas. Se nos días posteriores aos incendios as augas sufrían a previsible contaminación nas comarcas máis castigadas polas lapas, case medio ano despois o arrastre dos restos dos incendios volven provocar problemas. En Ribadavia, o municipio quedou sen auga potable. 

Os arrastres de cinzas dos graves incendios de outubro en Carballeda de Avia afectaron a auga da traída de Ribadavia

As correntadas de cinzas contaminaron os ríos da zona e provocaron a turbidez da auga da traída deste municipio de máis de 5.000 habitantes. Os danos que o lume provocou no solo dos montes de Carballeda de Avia, concello veciño onde se sitúa a captación de auga e un dos máis afectados naquela vaga, provocan que a vexetación non dea prendido aínda e que as fortes chuvias leven por diante madeira, terra e borrallo. 

"Realizadas as últimas analíticas e tras detectar un exceso de turbidez na auga distribuída que a cualifica como auga non apta para o consumo, e despois da comunicación á autoridade sanitaria correspondente, informámoslles de que: a auga da rede pública non pode ser utilizada para a bebida (consumo directo), pero si que pode ser empregada para a comida e a elaboración de alimentos cociñados", di o Concello de Ribadavia no bando publicado, que aclara que a auga "pode empregarse, sen restricións, para outros usos que non supoñan a súa inxesta, tales como lavado de ropa, hixiene persoal ou fregar a louza". 

O "exceso de turbidez" impide a inxesta da auga, que non se pode beber aínda que si ser usada para cociñar ou lavar

Os parámetros situáronse por riba dos límites permitidos, o que obrigou á Consellería de Sanidade a advertir da prohibición de usar a auga para consumo humano. A empresa subiministradora Aqualia reparte xa garrafas e traballa en colaboración co Concello para intentar recuperar o abastecemento axiña, pero aínda non hai data prevista. 

Segundo confirma o alcalde Ignacio Gómez este venres, os datos das últimas analíticas --realízanse ata dez ao día-- "xa dan parámetros normais", pero agora no Concello están á espera de que as autoridades sanitarias "volvan declarar apta a auga". "Fomos sempre moi estritos e así seguiremos sendo", insiste o rexedor. O de Ribadavia non é o único caso de turbidez que se deron en municipios das comarcas máis afectadas polo lume en outubro. 

"Isto era previsible", advirte o alcalde, que lamenta que a Xunta "non estea a tomar as medidas oportunas" para evitar os arrastres

"Todos sabemos que isto era previsible porque o monte está desfeito, cheo de cinza, de depósitos sólidos e sen freo natural ningún que evite os arrastres; a natureza responde se a maltratas, como non pode ser doutro xeito", insiste Gómez, que se queixa de que desde a Xunta "non se están a tomar as medidas oportunas" para rexenerar as zonas queimadas. "Súfreno os concellos máis afectados polos incendios, pero tamén os concellos veciños que estamos augas abaixo", conta quen advirte tamén dos problemas das inundacións e das enchentes "moi rápidas e violentas" dos ríos ao apañar a auga que baixa máis rápido e facilmente dos bosques. 

 

"Temos un problema claro e estamos en risco"

"Temos un problema claro e estamos ante unha situación de risco", advertía hai só uns días en Praza.gal Serafín González, investigador do CSIC e presidente da Sociedade Galega de Historia Natural (SGHN). "A época máis perigosa son os primeiros seis meses tras as lapas e, logo, ata o primeiro ano", aseguraba quen alertaba de que as consecuencias máis ou menos graves desa contaminación derivada do lume depende "do fortes que veñan as choivas e as borrascas". "Mentres o solo estea espido e chova forte, a alarma existe", engadía. E así se consumou en Ribadavia logo das importantes precipitacións da pasada fin de semana. 

"Mentres o solo estea espido e chova forte, a alarma existe", advirte Serafín González, investigador do CSIC e presidente da SGHN

Porque o temporal destes últimos días, Félix, teimou en levar por diante os restos dos incendios, xunto a carbóns e sedimentos, que son arrastrados por zonas arrasadas onde aínda non prendeu a vexetación ou onde as chuvias e o vento foron máis fortes. "Esta contaminación é máis evidente nas praias, pero afecta ao fondo dos encoros, ás lagoas, ás turbeiras...", advirte Serafín González. En ríos, como o Miñor, nos últimos días tamén se puideron apreciar manchas negras e auga turbia. 

Precisamente, desde a Consellería do Mar aseguran que as desembocaduras do río Miñor e do Verdugo son as zonas onde se están a intensificar os controis para comprobar a posible contaminación por eses restos dos incendios. Polo momento, segundo aseguraban a Praza.gal, "non se detectou ningún tipo de vertido" nin problemas nas rías ou banco marisqueiros, pero recoñecen estar "alerta" ante as fortes chuvias das últimas semanas e as que se prevén nos próximos días. Logo das últimas importantes vagas de lume dos últimos anos, varios bancos marisqueiros sufriron as graves consecuencias dos arrastres, como en Caldebarcos (Carnota). Nestes días, é a borrasca Gisele a que pon en situación de alerta as comarcas que máis afectados foron polas lapas no mes de outubro pasado. 

 

 

Bando do alcalde de Ribadavia © Concello de Ribadavia

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.