O asasinato doutra muller eleva a cinco as vítimas da violencia machista en Galicia neste ano

Ataúdes para protestar contra a violencia machista, no Parlamento CC-BY-NC-SA BNG Compostela

Outra asasinato machista. Conchi R. P., muller de 38 anos natural da parroquia pontevedresa Ponte Sampaio, foi acoitelada na madrugada deste sábado presuntamente pola súa ex parella, que fuxiu no vehículo da falecida e foi detido poucas horas despois en Soutomaior. O cadáver da vítima foi atopado na rúa con lesións de arma branca. 

Conchi, de 38 anos, foi acoitelada presuntamente pola súa ex parella, que fuxiu e foi deido poucas horas despois

Segundo informa a Garda Civil, un veciño da Pedreira, en Soutomaior, foi detido como suposto autor do crime que acabou coa vida de Conchi e, a falta da autopsia, a principal hipótese que se manexa é que el é o responsable dos feitos. Tal e como lembran as forzas de seguridade, con este asasinato son xa cinco as mortas en Galicia por violencia de xénero no que vai de ano, 34 no conxunto do Estado. 

Ademais, dende o ano 2008 34 mulleres perderon a vida por causa da violencia de xénero en Galicia, máis de 515 en toda España. A asasinada era unha persoa moi coñecida na localidade, xa que se encargaba do único quiosco, A Xunqueira, que hai na praia fluvial de Ponte Sampaiao e que ardeu hai unha semana. 

"Temos que rematar con esta lacra e esixirlle aos poderes públicos que activen os mecanismos legais axeitados para freala", di Lores

O alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, transmitiu "á familia, aos achegados e a toda a parroquia" o "pésame" seu e do Concello e ofreceulles "todo o apoio que sexa necesario". Ademais, condenou "por suposto todo tipo de violencia e especialmente a machista". "Temos que rematar con esta lacra e esixirlle aos poderes públicos que activen os mecanismos legais axeitados para freala".

Ataúdes para protestar contra a violencia machista, no Parlamento CC-BY-NC-SA BNG Compostela

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.