A Declaración de Impacto Ambiental (DIA) do proxecto mineiro segue recibindo duras críticas. A Plataforma pola Defensa de Corcoesto cualifica de "chapuza" un documento que cre "feito á medida da empresa", ao igual que Adega, que considera que o documento "pasará aos anais dos despropósitos ambientais cometidos pola Xunta". Para a organización ecoloxista, a DIA "asume as teses da empresas sen cuestionar os graves riscos e eivas do proxecto", unha crítica na que coincide coa veciñanza contraria a esta xigan infraestrutura prevista na Cabana de Bergantiños.
O informe asume e defende a corta a ceo aberto, o uso de cianuro ou a ausencia dun plano de emerxencia
"Máis da metade desta DIA é un corta-pega literal do proxecto entregado por Edgewater, co que a Xunta asume como propios os argumentos da empresa", lembra Adega, que destaca como o informe da Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental defende e argumenta prácticas como a corta a ceo aberto, o uso de cianuro, a categorización errada dos refugallos, a ausencia dun plano de emerxencia ou a non avaliación dos riscos sísimos.
Ademais, o colectivo ecoloxista alerta de que a Xunta "non se preocupa de verificar" a posible contaminación con arsénico do río Anllóns que foi denunciada por outras organizacións, ao tempo que evita facer referencia a un recente estudo da Universidade de Vigo e do CSIC no que se advirte dos elevados niveis de arsénico na cunca deste río a raíz dos antigos labores mineiros e a pequena escala na zona de Corcoesto. "Se unhas galerías antigas e cativas son quen de deitar 850 quilos de arsénico cada ano ao esteiro do Anllóns, que forma parte da Rede Natura 2000, que fará unha enorme mina a ceo aberto de máis de 1 millón de metros cuadrados?", pregúntase Adega.
"Se unhas galerías antigas e cativas son quen de deitar 850 quilos de arsénico cada ano ao Anllóns, que fará unha enorme mina a ceo aberto de máis dun millón de metros cuadrados?"
Do mesmo xeito, a organización ecoloxista destaca que a DIA "non cuestiona en absoluto nin o método de explotación nin o de extracción do ouro, o que implica a corta a ceo aberto fronte á minaría soterrada, moito menos impactante, así como a cianuración fronte á tiourea, bromo-bromuro e outros métodos menos perigosos. Segundo Adega, a Xunta obvia a resolución do Parlamento Europeo de 5 de maio de 2010 sobre a prohibición do uso das tecnoloxías mineras a base de cianuro na UE; non obriga a empresa a constituír unha garantía financeira fronte a possibles accidentes (Decreto autonómico 455/1996, de 7 de novembro, de fianzas en materia ambiental); non discute a catalogación dos refugallos mineiros (que non son considerados perigosos pola empresa malia os altos niveis de arsénico); e non obriga a Edgewater a redactar un Plano de Emerxencia Exterior fronte aos riscos de verteduras tóxicas accidentais para a saúde e o ambiente.
"O máis grave é que o documento non di nada do impacto socioeconómico da actividade mineira na comarca"
Aínda así, a Plataforma en Defensa de Corcoesto destaca nun comunicado que "o máis grave da DIA é a inexistencia dun estudo do impacto socioeconómico que reflicta con total claridade a magnitude da afectación da actividade mineira á base socioeconómica dos concellos afectados". Así, a DIA non recolle que a superficie forestal afectada pola explotación mineira "está dedicada a silvicultura intensiva para a produción de madeira de primeira calidade para a industria de primeira transformación", nin repara en que a superficie forestal de Corcoesto "forma parte da base territorial das numerosas explotacións gandeiras da parroquia e por tanto computable aos efectos de obter subvencións derivadas da Política Agraria Comunitaria (PAC)".
"A importancia socioeconómica do monte en Bergantiños vén avalada pola vixente lei 7/2012 de montes de Galicia", que destaca que na comarca de Bergantiños a actividade forestal figura "entre as tres primeiras actividades industriais por emprego xerado", polo que é evidente a existencia "dun conflito de intereses" entre a actividade mineira e a forestal que non foi avaliada. Para a plataforma, a empresa mineira incorreu en falsidade e ocultación de datos, o que é unha "infracción grave" tipificada por lei. Por iso, acusa a Xunta de "validar esa ocultación e manipulación maliciosa de datos e convértese en cómplice, a sabendas, dese falseamento o que pode ser considerado como un caso claro de prevaricación".
Os veciños acusan a Xunta de ser "cómplice" ao "validar a ocultación e manipulación maliciosa" dos datos por parte da compañía
A plataforma veciñal advirte tamén que a DIA, malia recoñecer a existencia no ámbito de explotación mineira de hábitats protexidos polas directivas comunitarias, "non establece para eles ningún tipo de protección especial, consentindo a súa destrución".
Por outra banda, o colectivo ecoloxista recorda tamén que "á Xunta tampouco lle preocupa que haxa riscos símicos por fallas activas" non suficentemente avaliados que xustificarían a adopción de medidas sismorresistentes nas balsas tóxicas. No entanto, Adega cre que é "particularmente grave" que a Xunta obvie o informe dos investigadores do CSIC sobre os efectos dos antigos labores mineiros. Precisamente, e atendendo a que a DIA prevé que "cando se poña de manifesto calquera outro impacto non considerado se poderán ditar condicións adicionais", Adega esixe a anulación do informe "e que se redacte unha declaración ambiental negativa". A plataforma veciñal, pola súa banda, esixe a Augas de Galicia "que faga o seu traballo e se pronuncie ao respecto".
Adega esixe a anulación do informe e que se redacte unha declaración ambiental negativa, mentres que a plataforma pide a Augas de Galicia "que se pronuncie"
A plataforma xa advirte que acudirá aos tribunais, "en caso de que a empresa mineira obteña a declaración de proxecto industrial estratéxico e a autorización de explotación", polo que confían en que calquera órgano xudicial, mesmo un xuíz en prácticas, "declarará nulas tódalas actuacións administrativas e resolverá o fondo do asunto a favor dos veciños de Corcoesto".
Para Adega, se a Xunta persiste en declarar "compatible coa protección dos valores naturais e da saúde a ubicación dunha bomba ambiental similar á de Aznalcóllar a 140 metros dun espazo natural protexido, sen sequera esixir á empresa que resposte ás graves eivas detectadas no seu proxecto", estaría "sendo cómplice dun dos maiores episodios de contaminación ambiental por actividades mineiras en Europa". "Onde di Corcoesto deberá dicir Aznalcóllar, e onde di río Anllóns deberá dicir río Morto", advirte con dureza Adega.