O BNG denuncia “trato discriminatorio” do IGAPE no evento 'Galician Gourmet Extravaganza'

Web da iniciativa © http://gourmetextravaganza.com/

A deputada do BNG Carme Adán rexistrou unha iniciativa parlamentaria na que pregunta polas medidas adoptadas pola Secretaría xeral de Igualdade ante o trato discriminatorio ás azafatas interpretes do evento Galician Gourmet Extravaganza, patrocinado pola Xunta, o IGAPE e a Cámara de Comercio da Coruña e con fondos FEDER procedentes da Unión Europea. Na convocatoria de traballo, como recolleu unha información publicada por Praza hai uns días, esixíaselles “boa presenza” para desenvolver a súa actividade como interpretes entre as empresas galegas expositoras  e os profesionais ingleses asistentes.

A parlamentaria pide explicacións ao Goberno por permitir  o proceder “discriminatorio” do IGAPE e acusa a Feijóo de “falar moito de demografía pero esquecer as mulleres” como "demostra", afirma, a ausencia da Secretaría Xeral de Igualdade nas comparecencias parlamentarias dos orzamentos previstas para os vindeiros días.

O Galician Gourmet Extravaganza é unha iniciativa, a xeito de tour gastronómico, que busca promocionar fóra de España a calidade da cociña galega e dos seus produtos, a través da realización dunha serie de eventos en distintas cidades. O primeiro deles tivo lugar en Londres entre os pasados 15 e 18 de outubro. Para o encontro gastronómico organizado na capital británica realizouse unha convocatoria de emprego, procurando "azafatas" para traballar como "interpretes entre as empresas galegas expositoras no evento e os profesionais ingleses asistentes". Ás posibles aspirantes requiríaselles ter estudos medios, ser bilingües en español e inglés e ter "don de xentes". Pero, ademais, a oferta demandaba delas que tivesen "boa presenza".

Captura de pantalla da oferta © portalparados.es
Web da iniciativa © http://gourmetextravaganza.com/

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.