O BNG esixe no Congreso que o Goberno dea marcha atrás no copago de ambulancias

Rosana Pérez, no Congreso CC-BY-NC-SA BNG

A deputada do BNG no Congreso, Rosana Pérez, presentou unha proposición non de lei e unha iniciativa parlamentaria na que insta o Goberno central a dar marcha atrás no borrador que establece o copago do transporte sanitario non urxente, e no que solicita que negocie coas autonomías "en pé de igualdade" esta cuestión.

O Bloque pide que, en caso de seguir adiante, se exclúa os enfermos crónicos e os que reciben hemodiálise e tratamento oncolóxico

Ademais, Pérez, pídelle ao Executivo que “en caso de seguir adiante co copago do transporte sanitario non urxente, exclúa os enfermos crónicos, os pacientes de hemodiálise e os que reciben tratamentos oncolóxicos”.

A deputada do BNG refírese ao borrador sobre a orde do Goberno pola que se vai regular a achega dos pacientes ao transporte sanitario non urxente. O Ministerio establece un copago cifrado en cinco euros por traxecto ao traslado urxente en ambulancia e que se estende a enfermos crónicos, oncolóxicos e pos que precisan hemodiálise.

A parlamentaria lembra que o copago nas ambulancias fixouse no decreto lei de medidas urxentes en materia sanitaria aprobado polo Goberno no mes de abril e critica unha medida que no borrador "establece unha base de cálculo de 50 euros por traslado, independentemente do prezo real do traxecto e dos quilómetros percorridos". “Será moi gravoso para os pacientes que terán que pagar cinco euros por traslado, e se é de ida e volta, 10 euros”, asegura.

Para o BNG “trátase dunha medida inxusta, abusiva e que de novo fai recaer sobre os cidadáns os custes sobre servizos sociais que sempre foron públicos. Ademais, o Bloque cre que o Executivo estase a "inmiscuir en competencias autonómicas xa que este tipo de transporte o financian as comunidades". A deputada nacionalista afirma que “a introdución de fórmulas de copago na sanidade é a porta de entrada para a privatización da sanidade, que o PP está a levar a cabo en moitos territorios como en Galicia”.

Rosana Pérez, no Congreso CC-BY-NC-SA BNG

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.