O BNG pide que o Parlamento recorra a LOMCE por invadir competencias galegas

Os deputados e deputadas do BNG presentando a proposta no rexistro da cámara © BNG

O BNG vén de rexistrar un escrito “polo trámite de urxencia” pedindo que o Parlamento interpoña un recurso de inconstitucionalidade contra a LOMCE, "rexeitada por toda a comunidade educativa e inxerente coas competencias galegas en materia de educación". O portavoz parlamentario da formación, Francisco Jorquera, acompañado das deputadas Ana Pontón, Montse Prado, Tereixa Paz e Cosme Pombo salientou que o Parlamento “está lexitimado” para interpoñer un recurso de inconstitucionalidade contra a LOMCE, unha lei, dixo, "que responde á intención de impoñer a visión ideolóxica da dereita apostando por un ensino clasista, mercantilista e confesional, ademais de invadir e anular as competencias de Galiza en materia educativa”. Para Jorquera, esta lei condena Galicia a non ter "ensino propio" e ao idioma galego "a un papel residual"

Segundo o BNG, a centralización brutal pretendida polo Goberno do PP persegue “degradar dereitos e servizos públicos fundamentais” como ocorre co ensino. Neste senso, Jorquera lembrou as recentes declaracións da secretaria xeral do Partido Popular, Dolores de Cospedal que abondou neste extremo ao afirmar que fora “un erro transferir as competencias en materia de educación ás CC.AA”. O Parlamento galego, engadiu, ten o deber de defender o autogoberno e impedir “a invasión de competencias” para que Galicia poda ter o seu propio modelo educativo, concluíu.

Jorquera lembrou as recentes declaracións da secretaria xeral do Partido Popular, Dolores de Cospedal que abondou neste extremo ao afirmar que fora “un erro transferir as competencias en materia de educación ás CC.AA”

Pola súa parte, o portavoz de educación do BNG, Cosme Pombo, explicou que a LOMCE ou “Lei da Wertgoña” representa "un modelo educativo contrario aos intereses do noso país” e que a sociedade galega ao longo deste ano "manifestouse en contra a través de diversas mobilizacións que superaron as corenta mil persoas".No fondo, dixo, a lei Wert converte o ensino nun negocio para empresas privadas e tenta borrar os nosos sinais de identidade. “A lei aparta o galego do ensino e  borra a nosa historia e cultura”, concluíu.

Os deputados e deputadas do BNG presentando a proposta no rexistro da cámara © BNG

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.