O BNG pide que os 90 mil euros cos que A Coruña subvencionou as touradas en 2012 vaian a fomento do emprego

Rolda de prensa de Avia Veira e Rubén Pérez © BNG

A concelleira do BNG Avia Veira e o responsable de Galicia, Mellor sen Touradas, Rubén Pérez, ofreceron este mércores unha rolda de prensa na que lle demandaron ao Goberno municipal da Coruña que destine a programas de fomento do emprego os cartos que no 2012 destinou a subvencionar os espectáculos taurinos a cidade. Segundo os datos de Galicia, Mellor sen Touradas, a subvención indirecta do Concello á feira taurina ascendeu a 90.000 euros.

Segundo os datos de Galicia, Mellor sen Touradas, a subvención indirecta do Concello á feira taurina ascendeu a 90.000 euros

De igual xeito, o BNG quere saber se o Goberno municipal vai volver subvencionar as touradas este verán e denunciou “o escurantismo do Goberno municipal sobre a participación nas touradas”. Lembrou, ao respecto, que o alcalde Negreira chegou a negar o acceso aos datos da feira taurina do pasado verán, “alegando razóns peregrinas só para tratar de ocultarlle á cidadanía en que inviste o PP os cartos públicos”. A nacionalista apuntou que o Goberno municipal “debería facer partícipe a veciñanza das conversas que poden estar a darse ao redor da feira taurina coa concesionaria” e emprazouno a abandonar “a actitude escurantista” que mantén ao redor das touradas. “A opacidade do Sr. Negreira ten a ver co rexeitamento que provoca a feira taurina entre as coruñesas”, salientou. A concelleira nacionalista explicou que nunha pregunta para a resposta escrita interésase sobre se xa tivo lugar algún tipo de comunicación coa empresa concesionaria de cara á posíbel organización das touradas en 2013.

“O Goberno municipal mantén un veto ideolóxico-político a Galicia, Mellor sen Touradas, un veto que se concreta na negación de diálogo a esta plataforma por parte dos concelleiros que forman parte do equipo de goberno”

Ademais, Avia Veira presentou outra pregunta para a resposta escrita na que denuncia o veto ao tecido social antitaurino. “O Goberno municipal mantén un veto ideolóxico-político a Galicia, Mellor sen Touradas, un veto que se concreta na negación de diálogo a esta plataforma por parte dos concelleiros que forman parte do equipo de goberno”, apuntou. Na mesma liña, Rubén Pérez lamentou o veto sistemático do Goberno municipal ao colectivo do que é responsábel e criticou que tivera que vir ao Concello unha persoa de fóra, da Fundación Franz Weber, para poder ser recibida polo concelleiro de Medio Ambiente, dada a negativa do Goberno a atender as solicitudes de reunión de Galicia, Mellor sen Touradas.

Público nas touradas da Coruña, no verán de 2012 CC-BY M. Pereira

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.