O BNG instou este luns á Comisión Europea a facer público o informe que elaborou sobre o accidente do Alvia en Santiago. Un documento que, segundo a portavoz do Bloque en Bruxelas, Ana Miranda, "pode mudar o curso da investigación xudicial e o curso das responsabilidades políticas”. A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, anunciou que o grupo vai levar este asunto ao Parlamento para que a Cámara galega lles reclame tamén á Comisión a difusión deste informe.
A formación salienta que a Comisión Europea abriu en 2012 un procedemento de infracción contra o Estado español por incumprimento da Directiva 2004/49/CE de Seguridade Ferroviaria, ao entender que Comisión de Investigación de Accidentes Ferroviarios (CIAF), que investigou o sinistro do Alvia, vulnera o principio de independencia que establece taxativamente o artigo 21 desta directiva. Tanto a plataforma de vítimas coma formacións políticas coma o BNG, cuestionaron sempre a independencia da CIAF ao considerar que era “xuíz e parte” e “viciaba” unha investigación "deseñada á medida dos intereses de Adif, Renfe e Fomento", en palabras do BNG.
Miranda explicou que antes de final de mes o BNG vai recibir resposta da Comisión en relación a difusión do informe
"Se agora ese informe confirma que non existiu independencia o procedemento queda cuestionado", salientou Miranda, que explicou que antes de final de mes o BNG vai recibir resposta da Comisión en relación a difusión do informe. Lembrou tamén que está previsto debater en breve na Comisión de Peticións da Eurocámara o accidente de Angrois, en base a dúas denuncias presentadas polos afectados.
Pontón subliñou que “é necesaria unha comisión que depure responsabilidades políticas e, desde logo, facer as modificacións oportunas para que a CIAF sexa independente”
Pola súa banda, Pontón subliñou que “é necesaria unha comisión que depure responsabilidades políticas e, desde logo, facer as modificacións oportunas para que a CIAF sexa independente”. “Hai vicios de legalidade no fondo e na forma na investigación e nos informes auto exculpatorios elaborados polo Ministerio de Fomento, con repercusión non só desde o punto de vista político senón tamén no proceso xudicial por falta de imparcialidade”, engadiu.