O boicot ás reválidas volve triunfar en Galicia

Aula baleira nun centro de Primaria, nunha imaxe de arquivo © Xunta

O boicot ás reválidas volveu triunfar en Galicia nesta primeira xornada destas polémicas probas impulsadas pola Lei Orgánica para a Mellora da Calidade Educativa (Lomce). A Plataforma Galega en Defensa do Ensino Público (Pgdep), un dos colectivos que chamou á insubmisión a estas avaliacións, cifra en "máis dun 80%" o absentismo nos centros públicos, cifras semellantes ou "mesmo superiores" ás que se deron nas protestas que noutros cursos se deron contra as devanditas probas. 

A Plataforma Galega en Defensa do Ensino Público (Pgdep) cifra en "máis dun 80%" o absentismo nos centros públicos

Foron a Pgdep, a Confederación de Anpas de Centros Públicos de Galicia (Confapa), Anpas Galegas e sindicatos os que chamaron a boicotear estas probas, que entre este mércores e xoves desenvólvense en todas as aulas de 3º de Primaria en Galicia e que os días 29 e 30 chegarán a Primaria e á ESO, neste caso en forma de avaliacións finais mostrais e que afectan só a un determinado número de centros. 

Son máis de 20.000 os alumnos e alumnas galegas de 3º de Primaria convocados a estas probas de avaliación instauradas tras a entrada en vigor da Lomce. Desde que se puxeran en marcha, Galicia liderou a insubmisión a estas probas, alcanzando tamén daquela o 80% de absentismo, segundo a Pgdep, e até o 40% nas cifras recoñecidas pola Xunta no curso pasado. O apoio ao boicot e o rexeitamento a estas probas no país foi a maior no conxunto de Estado.  

Desde que se puxeran en marcha, Galicia liderou a insubmisión a estas probas no Estado

Desta vez, Suso Bermello, de CIG-Ensino e portavoz da Pgdep, destaca que o seguimento do boicot, segundo os datos de profesorado e tirados dos formularios distribuídos, "é masivo e semellante en todas as comarcas" e destaca o compromiso de alumnos e alumnas e, sobre todo, "das familias". "Calquera que teña fillos sabe do difícil que é un problema dispoñer de dous días", explica quen destaca o mérito da protesta "nun curso no que houbo menos mobilización porque houbo quen priorizou o debate político". 

Pola súa banda, a Xunta recoñece unha participación semellante á de anos anteriores e reduce o absentismo ao 38% ao incluír no cálculo os centros concertados, onde o apoio á protesta redúcese moito, como advirte a Pgdep que considera, ademais, que o amplo seguimento do boicot contra as reválidas "repetirase ou será mesmo maior" nas probas previstas na vindeira semana na ESO e en Primaria. Con todo, a Consellería de Educación recoñece que case 4 de cada dez alumnos non acode ás probas de avaliación no conxunto de colexios galegos, incluídos os privados. 

Para a Pgdep --que se mobilizou ante o Parlamento na mañá deste martes--, estas reválidas "responden aos intereses de organizacións como a OCDE, de grandes empresas privadas educativas e dos principais lobbys editoriais". E lembra que "non teñen ningún valor académico" pero "supoñen un elemento de tensión innecesaria para o estudantado, xerarquizan as materias e os contidos en base a criterios puramente economicistas e supoñen un desprezo ao labor docente, á súa autonomía e liberdade de cátedra, así como ao valor que ten a avaliación continua dentro do proceso de ensino-aprendizaxe".  

Sindicatos, oposición e anpas censuran a "presión" que supoñen as probas e o "desprezo ao labor docente e á avaliación continua"

Desde Confapa Galicia lembran que estas probas de avaliación "pódense ter en conta para repetir curso", avalían "só as competencias de lingua e matemáticas" e "clasifican o alumnado desde idades temperás". Ademais, destaca que "fomentan a competencia entre os centros e a súa estigmatización sen tomar en conta circunstancias locais compensatorias da avaliación" e "desautorizan o profesorado e o sistema de avaliación continua", ademais de xa  ter amosado "o seu nulo valor nos anos que leva en vigor". 

Confapa animaba a "opoñerse activamente" ás reválidas, mentres que a Pgdep fixo un chamamento ao boicot e a "manter este rexeitamente para conseguir derrogar definitivamente esta lei" que, lembran, "semella estar en punto morto pero está plenamente vixente". "O Goberno do PP está aplicar a falta dunha oposición política contundente que o obrigue a paralizala por completo", din. 

Protesta contra a Lomce fronte ao Parlamento CC-BY-SA CIG-Ensino

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.