O boicot ás reválidas volve triunfar en Galicia e a Xunta reduce o absentismo ao 40%

Aula baleira nun centro de Primaria, nunha imaxe de arquivo © Xunta

Novo éxito no boicot ás reválidas, desta vez nas probas de diagnóstico de 3º de Primaria. Como a pasada semana e como nas probas de cursos anteriores, a Plataforma Galega en Defensa do Ensino Público e as organizacións de anpas cifran en arredor do 80% o absentismo. E como daquela, a Xunta reduce á metade o apoio á protesta, situando no 40% a porcentaxe de alumnos que non apareceron nesta primeira xornada de exames que continuará este mércores no mesmo curso.

Plataforma Galega en Defensa do Ensino Pública e Anpas Galegas cifran nun 80% o absentismo nas probas de 3º de Primaria

Desde a Plataforma valórase "moi positivamente" o resultado do boicot e asegura que "máis do 80% das familias" decidiron non enviar os seus fillos e fillas a facer estas probas. "Mesmo houbo centros nos que non foi ningún alumno", advirte o colectivo, que agradeceu o "esforzo realizado" polas familias para "evidenciar a súa oposición á Lomce" e que aprecia "o sacrificio que lles supón non poder enviar durante dous días os cativos aos centros educativos". 

Desde as Anpas Galegas tamén cifran en "máis do 80%" o absentismo do alumando nos centros públicos que pertencen ao seu ámbito de actuación. Para a agrupación, as cifras son "moi positivas" e din que representan "o compromiso das familias dos colexios públicos" e demostran "con claridade cal debe ser a resposta da sociedade" ante a amplicación desta lei que considera inxusta. Confapa-Galicia tamén se amosou en contra destes exames. 

A Xunta cifra nun 40% o absentismo e fala de "normalidade" na realización das probas

Desde a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, pola contra, destacouse a "normalidade" coa que se levou a cabo o primeiro día desta proba e elevou a participación ao 60% do alumnado matriculado en 3º de Primaria. A Xunta insiste en que os exames "non teñen efecto sobre o expediente académico dos rapaces" e que tan só son un complemento para a avaliación continua que permite información para detectar as eivas e as posibles melloras do sistema educativo. 

Desde a Plataforma e as Anpas lémbrase que o apoio ao boicot é semellante ao que se deu nas reválidas de 6º de Primaria e de 4º da ESO. E é tamén case idéntico ao dos últimos cursos, cando o rexeitamento a estas probas en Galicia foi o maior no conxunto do Estado. Ademais, esperan que, "á vista dos datos a Consellaría de Educación non continúe coa mentira e acepte que estas aprobas o único que diagnostican, de maneira democrática e contundente, é a oposición das familias, da comunidade educativa e da sociedade no conxunto a que se siga aplicando a Lomce”, tal e como dixo Anxo Louzao en nome da Plataforma Galega.

Concentración contra as reválidas ante Educación Dominio Público @CIGEnsino
Aula baleira nun centro de Primaria, nunha imaxe de arquivo © Xunta

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.