O Colexio de Traballo Social, en alerta polas "privatizacións" que inclúe a reforma dos concellos

A presidenta do COTSG, nunha reunión coa conselleira de Benestar © COTSG

Unha "xestión privada integral" dos "servizos sociais de base". Isto é o que, a xuízo do Colexio Oficial de Traballo Social  de Galicia (COTSG), vai traer consigo a reforma da Administración local que prepara o Goberno central. O organismo que representa a uns 3.000 traballadores e traballadoras sociais amosa, a través da súa presdietna, Juana Tubío, a súa preocupación ante a posibilidade de que "milleiros de familias perdan os seus dereitos cidadáns", xa que se pasará dun escenario coa "prestación privada de determinados servizos dalgúns programas" a un paso xeralizado a mans privadas dos servizos de atención primaria.

"A reforma potencia a xestión privada integral co argumento da prioridade dos criterios económicos e da sustentabilidade", di o COTSG, se ben Tubío subliña que o gabinete de Rajoy "non determina de que criterios se trata" nun contexto no que "todos sabemos que o privado non ten por que ser máis barato que o público, como se demostrou co sistema sanitario". Así, o que non dubida que trae aparallado a reforma é a "eliminación do concepto integran de servizos sociais, no que se traballou nos últimos 30 anos dende os concellos". Que quere dicir isto? Que están en risco unidades "destinadas a conseguir que se faga prevención  promoción e sensibilización con determinadas necesidades específicas, como familia, infancia e adolescencia, igualdade de oportunidades, violencia de xénero, persoas maiores ou persoas con discapacidade", entre outras.

Os concellos "poderán construír unha ponte pero non atender á súa veciñanza", di a presidenta do Colexio

Do mesmo xeito, advirte a presidenta do COTSG, a reforma local "acabará cun dos valores máis destacados da rede municipal de servizos sociais: "a proximidade coas familias". "A cidadanía, cando ten un problema, vai á porta de entrada dos servizos sociais", que dende hai tres décadas son os concellos, explica. "Non van á Deputación nin á comunidade autónoma". Por isto, explica, a reforma é tamén "un ataque contra a autonomía local", dado que "aínda que un concello queira atender a un veciño, non poderá". "Poderá construír unha ponte, pero non atender a súa veciñanza", ilustra.

Pero, ademais da privatización, o Colexio de Traballo Social coida que a reforma tamén vai supoñer "a eliminación de servizos". Así, explican, pasarase dun contexto no que os servizos sociais eran financiados pola vía do Plan Concertado -con fondos estatais, autonómicos e municipais- a outro no que os concellos quedan "eliminados deste escenario" e o Estado "deixa de financiar o Plan en 2014". "Deixan no campo só a un xogador, a comunidade autónoma". "Se ás autonomías, que xa teñen déficit, lles quitan as outras dúas partes de financiamento, non van manter o que xa existe nun momento no que os servizos sociais son máis necesarios ca nunca", conclúe.

A presidenta do COTSG, nunha reunión coa conselleira de Benestar © COTSG

Despece

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.