O Colexio de Xornalistas considera "inadmisible" a reacción de Cebrián

Logo do Colexio de Xornalistas © CPXG

O Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia (CPXG) pronunciouse este mércores sobre as medidas adoptadas por Juan Luis Cebrián, presidente executivo de PRISA, en resposta á publicación por varios medios das informacións que o vinculan a el e á súa muller cunha trama de empresas offshore en paraísos fiscais. A Xunta de Goberno da entidade sinala como "inadmisible" a reacción de Cebrián.

O CPXG critica principalmente o despedimento de Ignacio Escolar, director de eldiario.es, obrigado a abandonar a súa participación en Hoy por Hoy (Cadena Ser), que cualifica de "claro ataque á liberdade de expresión, e unha lamentable confusión entre os lícitos intereses persoais do directivo dun grupo empresarial cos non menos lexítimos, e distintos, dese grupo". De igual maneira, refírese ao veto imposto á colaboración dos traballadores e traballadoras do grupo con eldiario.es, La Sexta ou El Confidencial, que denuncia como "unha clara vulneración dos dereitos dos traballadores".

O Colexio de Xornalistas destaca, finalmente, "que calquera cidadán ten dereito a recorrer aos tribunais cando cre que unha información xornalística afecta á súa honra e credibilidade". Engadindo que "mesmo o ten, aínda que non deixa de ser un triste paradoxo, cando, coma no seu caso, é presidente dun grupo de comunicación que publicou -e por tanto, apoiou a súa veracidade- a implicación de distintos personaxes públicos" neste mesmo caso obxecto de investigación xornalística.

Logo do Colexio de Xornalistas © CPXG

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.