O Comercio Xusto galego reinvéntase para facer fronte á crise

Dominio Público Praza Pública

No Día Mundial do Comercio Xusto a decena de ONG e fundacións que distribúen en Galicia produtos baixo o selo Fair Trade reflexionan sobre a evolución no último ano. Sorprendentemente, a pesar da crise, os datos non son tan negativos como cabería esperar. “En produtos de artesanía si que se notou un descenso nas vendas, pero en alimentación non”, explica Gonzalo, portavoz de Panxea, organización que vende en Santiago. “É verdade que a pesar de que este ano as empresas non fixeron tantos pedidos de cestas do Nadal, as administracións e o sector privado mantiveron o seu compromiso co Comercio Xusto encargando máis catering ou apostando por máquinas de vending con produtos xustos”, explica María Paz, directora de Solidariedade Internacional, con tres tendas en Galicia.

"A moitos dos nosos clientes móveos a solidariedade, pero sobre todo hai moitos comprometidos coa idea de que o Comercio Xusto é un paso para cambiar o actual sistema económico"

Unhas condicións laborais dignas, a igualdade de trato, a ausencia de traballo infantil, o respecto ao Medio Ambiente e ás culturas indíxenas son as bases dun comercio que pretende mellorar a xustiza social desterrando o actual sistema de imposición Norte-Sur. Uns principios que levan, á súa vez, a falar de soberanía alimentaria, o final da especulación, os intermediarios abusivos e a sustentabilidade. “Isto fai -comenta Gonzalo- que moitos dos nosos clientes os mova a solidariedade, pero sobre todo hai moitos comprometidos coa idea de que o Comercio Xusto é un paso para cambiar o actual sistema económico”. Unha conciencia que se alcanza ata en situacións moi malas, como a de Grecia, que a pesar dos rescates e os recortes viu como crecían as vendas de produtos de Comercio Xusto ata case triplicarse.
 

“Café con leite”

Como noutros países de Europa, o auxe por este tipo de comercio tivo uns anos de crecemento moi marcado, en parte, pola súa tardía chegada a Galicia. A Cova da Terra foi a primeira organización en abrir unha tenda estable en 1995 en Lugo. Isto fixo que o aumento da demanda fóra dun 400% nos seguintes anos. Unha década e media despois, o ritmo de crecemento é menor pero sostido. “As diferenzas de vendas entre os anos 2010, 2011 ou o que levamos de 2012 son moi pequenas. A xente segue apoiando o Comercio Xusto pero o fai comprando menos cousas”, comenta a directora de Amarante, Fernanda Couñago. “Aínda que tivemos que pechar dúas tendas, a de Vigo e a de Ourense, estamos buscando formulas que nos permitan sobrevivir a estes tempos”, indica Maica López del Prado, quen cede parte do seu local de artesanía en Ribadeo aos produtos Fair Trade de Amarante a demais de ser parte da asociación.

Unha das formulacións novas en Galicia é a necesidade de atender ás condicións dos produtores do Norte e non só aos do Sur

Unha das formulacións novas en Galicia é a necesidade de atender ás condicións dos produtores do Norte e non só aos do Sur. “Trátase de ter un concepto máis amplo de Comercio Xusto e ser máis ecolóxicos”, explica Fernanda, en clara referencia ao impacto medioambiental que leva transportar os produtos ao longo de miles de quilómetros. Por iso, moitas das actividades de Amarante fanse en conxunto co Sindicato Labrego, porque esixen un Mercado Transparente e unha Banca Ética tanto aquí como alí. “Nós -expón o representante de Panxea- usamos o exemplo do café con leite. Importamos produtos que só se poden conseguir fora e beneficiamos a comunidades que, pese ao Comercio Xusto, non deben depender só de nós. E os que se producen aquí conseguímolos de cooperativas de pequenos produtores, con selos ecolóxicos e con prezos pactados e xustos”.
 

Grandes superficies, si ou non?

Dentro do debate de como aumentar máis este tipo de comercio está un que divide ás ONGD: Débese vender en grandes superficies? Intermon Oxfam é unha das organizacións que defende esta medida, pero non de calquera forma. “Temos tres avaliacións para o supermercado que queira vender os nosos produtos. Facemos unha análise do comportamentos da empresa en Responsabilidade Social Corporativa, supervisamos calquera campaña que fagan en nome dos nosos produtos e esiximos que teñan o mesmo prezo que nas tendas de Comercio Xusto”, asegura o encargado de mercados de IO, Juanjo Martínez. É o caso de Eroski, con quen empezaron a traballar primeiro, ou Gadisa, que distribuía ata hai pouco estes produtos. “O obxectivo de todo isto -prosegue Juanjo Martínez- é axudar ao máximo de produtores e só se consegue vendendo máis”.

Aínda que o grao de visibilidade se mutiplica nos supermercados, non é unha práctica válida para outras ONGD, como Solidariedade internacional. “As grandes superficies son contra o que loitamos"

Aínda que o grao de visibilidade se mutiplica nos supermercados, non é unha práctica válida para outras ONGD, como Solidariedade internacional. “As grandes superficies son contra o que loitamos: non respectan dereitos laborais, copan sectores, non respectan regras ecolóxicas, nin de marxes de beneficio ou ás tendas pequenas. En definitiva, son o modelo de consumismo que rexeitamos”, argumenta a directora de SI, que xunto con Taller de Solidariedade, Labañou Solidaria, Panxea, A Cova dá Terra, Axuda en Acción, Intermon Oxfam ou Amigos da Terra forman a Comisión de Comercio Xusto dentro da Coordinadora Galega de ONGDs.

 

Dominio Público Praza Pública
Semana do comercio xusto © A cova da terra

Despece

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.