O Comité Científico do Ministerio resolve que o eucalipto é unha especie invasora e recomenda a súa erradicación

Plantacións de eucaliptos nun monte galego Dominio Público Adega

O Comité Científico de Flora e Fauna Silvestres do Ministerio de Agricultura, Pesca e Medio Ambiente vén de publicar un ditame que recomenda a inclusión do eucalipto no Catálogo Estatal de Especies Exóticas e Invasoras. A resolución, adoptada por unanimidade, responde a unha consulta realizada en setembro polo Concello de Teo, que o pasado ano aprobou unha moción contra a eucaliptización que entre outras medidas demandaba do Ministerio a consideración de "especie invasora" para esta árbore. O ditame inclúe nas súas recomendacións a todas as variedades de eucalipto, dende a globulus á nitens, e suxire"extremar a precaución con novas introducións e plantacións", levar a cabo "un seguimento local" e realizar "medidas de erradicación antes de que se produza a invasión, sempre que se observe naturalización de calquera especie de Eucalyptus no noso territorio".

Recomenda "extremar a precaución con novas introducións e plantacións" e realizar "medidas de erradicación antes de que se produza a invasión, sempre que se observe naturalización de calquera especie de Eucalyptus"

O ditame analiza os efectos nocivos do eucalipto sobre o medio, sinalando por exemplo que "estudos levados a cabo en plantacións de E. globulus tanto en España como en Portugal demostran o empobrecemento das cadeas tróficas de descomponedores acuáticos cando as follas caen nos ríos". Afirma tamén que provocan unha "alteración das propiedades físico-químicas, bioquímicas e microbiolóxicas do solo", así coma "perda de biodiversidade tanto vexetal como animal", aumentando o risco de instalación doutras invasoras. Alerta igualmente da súa "capacidade para colonizar espazos abertos, especialmente en escenarios post-incendio forestal, desprazando ás colonizadoras autóctonas" e, igualmente, de que implica un elevado risco de incendios pola acumulación de follas e a presenza de aceites inflamables

O ditame lembra que "as especies E. camaldulensis e E. globulus son consideradas invasoras a nivel mundial, concretamente en Europa e América" e engade que "no noso territorio constatouse desde comezos do século XXI que tanto E. camaldulensis como E. globulus presentan un comportamento invasor manifesto e que son especies moi perigosas para os ecosistemas forestais naturais e semi-naturais, aínda que a súa dispersión sexa local". "En resumo, todas as especies exóticas do xénero Eucalyptus alteran a biodiversidade no medio transformado. Por todo iso, considérase que todas, tanto cultivadas como naturalizadas no noso país, son especies transformadoras do medio polos impactos causados na composición e diversidade das especies nativas", conclúe.

O documento subliña a "naturalización e invasión" de seis especies de eucalipto no Estado español, chamando a atención sobre todo sobre os efectos das variedades camaldulensis globulus. Así mesmo, o informe fai unha análise concreta do risco xerado polas variedades camaldulensis, globulus, gunnii, nitens e sideroxylon, nunha escala de perigosidade que vai dende -14 ata +29 e na que se considera que existe perigo de invasión se o indicador supera os 6 puntos. A puntuación para camaldulensis é de +26 a do globulus é de +24, a de nitens é de +15, a de sideroxylon é de +10 e a de gunnii é de +7. Polo tanto, conclúe que "todas elas posúen risco de invasión no noso territorio, especialmente alto no caso de E. camaldulensis, E. globulus e E. nitens, estas tres destinadas á explotación forestal".

"A recuperación de hábitats naturais é a mellor medida a medio e longo prazo para evitar a invasión de Eucalyptus na contorna", conclúe

Finalmente, o ditame recomenda incorporar ao Catálogo de Especies Exóticas "todas as especies de Eucalyptus naturalizadas en España polo seu carácter invasor e capacidade transformadora do medio, e recoméndase extremar a precaución con calquera outra especie deste xénero cuxo destino sexa a explotación forestal debido ao alto risco de invasión". "Sempre que se observe naturalización de calquera especie de Eucalyptus no noso territorio recoméndase un seguimento local e levar a cabo medidas de erradicación antes de que se produza a invasión", engade. O texto suxire, igualmente, "unha xestión profesionalizada das explotacións forestais de Eucalyptus que garanta o control da explotación evitando a naturalización e invasión fose do territorio dedicado a tal fin e levando a cabo tarefas de erradicación en caso de producirse a naturalización". "A recuperación de hábitats naturais é a mellor medida a medio e longo prazo para evitar a invasión de Eucalyptus na contorna", conclúe.

ADEGA xa publicou unha nota preguntando "a que agardan Xunta a Ministerio pra incluir o eucalipto no Catálogo de EEI e comezar a erradicalo?", denunciando que a pesar "das cada vez máis numerosas evidencias científicas que amosan o carácter invasor e potencialmente perigoso para o medio natural do eucalipto", tanto o Ministerio como a Xunta "seguen a facerlle o xogo á patronal pasteiro-enerxética".

"A que agardan Xunta a Ministerio pra incluir o eucalipto no Catálogo de EEI e comezar a erradicalo?", pregúntase ADEGA

Este non é o primeiro ditame do Comité Científico que cualifica algunha variedade de eucalipto como especie invasora. Xa no 2011 as variedades camaldulensis e globulus foron incluídas como especies exóticas con potencial invasor en Canarias e en 2012 un ditame do Comité Científico do Ministerio recomendou a incorporación, igualmente, da variedade nitens, que dificultou a súa expansión en Asturias, como pretendía ENCE. Porén, en 2013 un decreto do Goberno central anulou as disposicións anteriores, quedando fóra do Catálogo estas tres variedades. ADEGA alerta destas e outras "ferramentas utilizadas polos políticos amigos do eucalipto para amnistiar a esta especie".

 

A Xunta propón incrementar o eucalipto en 25.000 hectáreas

A superficie de eucalipto aumentou un 65% en Galicia no que vai de século, superando xa as 300.000 hectáreas (307.984), segundo os datos da propia Consellería do Medio Rural. Estas cifras sitúanse moi por riba da extensión máxima prevista para o ano 2032 no Plan Forestal de Galicia (PFG) de 1992, que fixaba un límite de 245.000 hectáreas. Este martes o director xeral de Ordenación Forestal, Tomás Fernández-Couto, presentou no Parlamento o borrador da revisión do plan de 1992. Este documento propón un incremento de 25.000 hectáreas de eucalipto en 20 anos, un 8% máis, ata acadar as 332.984 hectáreas, o que representaría un 21% da superficie arborada en Galicia.

Na actualidade hai 307.984 hectáreas de eucalipto e outras 145.000 hectáreas de masas forestais nas que o eucalipto se mestura con piñeiros ou carballos

O borrador prevé a plantación de 65.000 hectáreas da variedade nitens, máis resistente ao frío que a variedade máis común en Galicia, o globulus. Se o globulus adoita crecer por debaixo dos 400 metros de altitude, o nitens pode facelo en alturas superiores e, ademais, resiste mellor o vento. Ademais das masas forestais puras de eucaliptos, o documento recolle a existencia na actualidade de 124.000 hectáreas de masas misturadas de eucalipto e piñeiro e outras 21.000 de eucalipto e carballo, que non constaban nos datos do plan de 1992. A previsión da Xunta é que nos vindeiros 20 anos a superficie destas masas misturadas descenda ata os 79.000 e 14.000 hectáreas, respectivamente. A superficie total arborada en Galicia rolda os 1,41 millóns de hectáreas e o Goberno prevé incrementala ata os 1,53 millóns.

 

Formacións forestais dominantes en Galicia (en rosa, o eucalipto) Dominio Público Pladiga

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.