O persoal de Povisa leva en folga indefinida desde o pasado 19 de agosto para protestar pola aplicación do convenio laboral provincial e a rebaixa dos seus salarios. A representante da CIG no comité, María Xesús Neira, comentou que o seguimento está a ser dun 80%, "moi por riba das cifras que ofrece a dirección" e valorou "o notábel incremento dos empregados e empregadas que decidiron sumarse aos labores de piquete informativo e ás concentracións e asambleas que se desenvolven a diario diante do edificio de Povisa na cidade"
Os representantes sindicais afirmaban este mércores que as traballadoras e traballadores do hospital vigués xa recibiron as cartas onde se lles comunica a entrada en vigor do convenio provincial desmentindo así a información facilitada pola empresa, que aseguraba que non habería baixada salarial do 40% e que só os empregados e empregadas de nova incorporación verán recortadas as súas nóminas.
“Queren facernos crer que os recortes salariais só van afectar ás novas incorporacións, cando todo o mundo sabe que xa recibimos as cartas nas que se nos informa de que se comeza a aplicar o convenio provincial, que supón un 40% menos de salario" afirma a representante da CIG.
"Queren facernos crer que os recortes salariais só van afectar ás novas incorporacións, cando xa recibimos as cartas nas que se nos informa de que se comeza a aplicar o convenio provincial, que supón un 40% menos de salario"
Neira tamén criticou que "esta actitude da compañía pretende desmobilizar o persoal que cada día decide sumarse ao paro indefinido para rexeitar a intención de Povisa de precarizar aínda máis as condicións laborais no novo convenio colectivo".
Mentras siguen coas mobilización, como o escrache que lle realizaron onte ao conselleiro delegado da empresa, José Bernardo Silveira, os representantes sindicais agradeceron onte o compromiso do cadro de persoal do centro médico e lembraron que a mobilización "está a ser un éxito a pesar de que a empresa esté a mover empregados e empregadas en servizos mínimos a outras unidades despois da advertencia da Inspección de Traballo"
O 27 de agosto terá lugar o primeiro dos xuízos contra Povisa pola imposición do convenio provincial
Pola súa parte, Alternativa Galega de Esquerda denuncia a irreponsabilidade política da conselleira de Sanidade, Rocío Mosquera, por non intervir no conflicto limitándose a declarar que "desexa" que as partes cheguen a un acordo o antes posíbel. A conselleira xustifica esta acción dicindo que Povisa é unha empresa privada "esquece que dita empresa privada mantén un concerto especial co SERGAS polo que presta atención especializada a unha poboación de preto de 150.000 persias da Área Sanitaria de Vigo" afirma AGE. Porén, lembran que "garantir o bo uso do diñeiro público que o Hospital Povisa recibe a cambio da prestación sanitaria concertada é responsabilidade da Consellería de Sanidade así como a calidade de atención sanitaria que prestan aos seus usuarios e pacientes". Ademais recalcan que se deberían "tomar as medidas necesarias para impedir que a lista de espera deste centro non siga medrando, xa que é a maior de Galicia".
O vindeiro 27 de agosto terá lugar o primeiro dos xuízos contra Povisa pola imposición do convenio provincial, os traballadores e traballadoras están convocados ás 9.00 horas diante do centro médico para a continuación desprazarse até o Xulgado do Social número 5 de Vigo, onde está prevista a sesión para as 10.45 horas.