O Concello da Coruña mantén a incógnita sobre a organización da feira taurina

Manifestación contra as touradas na Coruña CC-BY-SA gzvideos

O pasado mércores finalizou o prazo dado polo Concello da Coruña ás empresas interesadas en organizar a feira taurina de agosto. Porén, dous días despois o Goberno local aínda non comunicou se hai algunha compañía interesada, nin a súa identidade, no caso de haber algunha, nin as condicións ofrecidas. Dende o Concello explícase que aínda están á espera de recibir algunha posible oferta que entrara nalgún rexistro distinto ao do Instituto Municipal Coruña Espectáculos (IMCE).

O colectivo xuvenil contra as touradas Mocidade pola Abolición, sinalou este venres o "lamentable intento do Concello da Coruña de desenvolver todo o proceso licitador coa menor transparencia posible, xa que prefire salvagardar acordos cos colectivos taurinos inframinoritarios que responder ás demandas cidadás de rescisión de calqueira tipo de apoio ou soporte ás touradas na cidade".

O pasado mes de marzo Eventauro, a empresa que os dous últimos anos organizou a feira taurina da Coruña, anunciou súa renuncia á súa opción de renovar a concesión por outros dous veráns, deixando no aire a continuidade deste espectáculo na cidade. Xa o pasado verán Eventauro sinalaba que vía "complicado" prorrogar a concesión e explicaba que tiña que "estudar a viabilidade da feira taurina", por cuestións económicas. Cunha asistencia de público moi baixa e unha ampla porcentaxe de entradas e abonos entregados de balde, a organización da feira non é rendible para a empresa, como recoñecian os seus responsables.

Mocidade pola Abolición sinalou este venres o "lamentable intento do Concello da Coruña de desenvolver todo o proceso licitador coa menor transparencia posible"

O Concello, para facilitar o interese das empresas xestoras de espectáculos taurinos, reduciu as dimensións da feira, que se celebrará unicamente en dous días (no canto de tres). De igual xeito, seguirá subvencionando parcialmente a celebración, achegando con cartos públicos o aluguer do Coliseo, o custe da montaxe da praza de touros, e tamén se ceden de balde as actuacións da banda de música municipal. En total, esta subvención pública indirecta sumou 95 mil euros, en total, unha cantidade case tan alta coma os 104 mil euros recadados por Eventauro a través da venda de entradas.

As forzas contrarias ás touradas (Podemos, AGE, BNG, e tamén Pacma, Equo ou CxG) sumaron o 31,53% dos votos na cidade

Os colectivos abolicionistas lembran o escaso apoio que as touradas atopan entre os coruñeses e coruñesas, sobre todo entre os máis novos e novas. Tres de cada catro coruñeses (o 75,5%) amósanse contrarios a que os cartos públicos sosteñan artificialmente este espectáculo, segundo unha enquisa realizada por Obradoiro de Socioloxía, unha cifra que se achega ao cen por cento entre os menores de 44 anos. Tamén sinalan os resultados correspondentes á cidade da Coruña das recentes eleccións ao Parlamento europeo. Nestes comicios, as forzas contrarias ás touradas (Podemos, AGE, BNG, e tamén Pacma, Equo ou CxG) sumaron o 31,53% dos votos na cidade, superando o PSdeG-PSOE (21,89%), cunha posición crítica coa organización da feira ou cando menos co seu sostemento con cartos públicos, e tamén ao PP (26,89%).

Manifestación contra as touradas na Coruña CC-BY-SA gzvideos
Público nas touradas da Coruña, no verán de 2012 CC-BY M. Pereira

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.