O Concello de Boiro impide unha 'performance' sobre o Prestige dun grupo de estudantes

Noite Aberta de Boiro Dominio Público Concello de Boiro

O Club Do Antifás é un obradoiro creativo-social formado por varios rapaces e rapazas do IES A Cachada de Boiro. Este sábado día 17 o Concello de Boiro e a Asociación Boirense de Empresarios organizan a Noite Aberta Boiro, un conxunto de actividades nocturnas destinadas a fomentar o comercio local pero tamén cun obxectivo de difusión cultural. 

Os mozos e mozas do Club Do Antifás querían participar nesta caste de Noite en Branco cunha performance que lembrase o décimo aniversario da catástrofe do Prestige a través dunha serie de proxeccións e unha representación. Como di unha das rapazas do grupo no seu Facebook o que procuraban era “participar facendo unha actividade informativa pero reivindicativa”.

Porén, segundo denuncian nas redes sociais, unha denuncia da que se fai eco no seu blog o socialista Blas Garcia, o Concello foi poñendo atrancos a esta actividade, primeiro negándolles unha colaboración económica para poder mercar fundas brancas e capazos cos que poder vestirse como voluntarios. E despois, unha vez que O Club Do Antifás foi quen de facerse con estes elementos pola súa conta, os responsables municipais comunicáronlle que non a consideraban pertinente. Como di unha das mozas do grupo no seu Facebook: "a eles non lles convén que se faga esa actividade, e non se fai. E isto é así, calquer día pondrannos un esparadrapo na boca para calarnos, pero dirannos que é un tratamento paras os beizos, e nos creerémolo".

Noite Aberta de Boiro Dominio Público Concello de Boiro

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.