O Concello de Caldas paraliza o proxecto de construción dun aeródromo ilegal

O aeródromo carece de autorización da Axencia Española de Seguridade Aérea © Quinteiro

Non haberá aeródromo en Caldas de Reis, cando menos de momento. O alcalde, Juan Manuel Rey (PSdeG-PSOE) decidiu a paralización das obras e o cese da actividade do aeródromo, un proxecto que fora denunciado polo proxecto comunicativo O Quinteiro do Umia, nunha reportaxe da que demos conta en Praza. Aquel texto sinalaba que o aeródromo carecía da imprescindible autorización da Axencia Española de Seguridade Aérea, ademais doutras eivas (o terreo asulagábase con frecuencia, estaba situado a carón dun viaduto do AVE...), o que non fora obstáculo para que hai uns meses a Deputación de Pontevedra iniciase, con cartos públicos, as obras de acondicionamento das pistas deste aeródromo privado, promovido por un ex concelleiro do PP.

A decisión foi adoptada o pasado 17 de decembro, unha semana despois de que O Quinteiro do Umia publicase unha reportaxe moi crítica coas obras

A “solicitude de licenza de obra e actividade” do aeródromo caducou o 11 de novembro de 2013 ao non térense “presentado as autorizacións sectoriais”, destaca Quinteiro. De igual xeito, o 26 de novembro, o aparellador municipal emitiu un informe técnico moi crítico no que indicaba que “as obras de construción de hangares e local social están rematadas e non contan con licenza municipal" e que "así mesmo consta como antecedente unha licenza concedida con data de 15 de febreiro de 2012. Unha licenza de obra menor para limpeza, rasanteo e acondicionamento do firme de 22.000 m2, outorgada malia os informes desfavorables técnico e xurídico dos técnicos municipais”.

Aínda o 15 de novembro, PSdeG-PSOE e PP aprobaron cos seus votos unha moción de apoio ao aeródromo, despois de que Esquerda Unida presentase un escrito solicitando a paralización das obras. Neste texto, populares e socialistas salientaban a importancia do proxecto para o "desenvolvemento comarcal" e como "fonte de dinamización económica e empresarial". A moción remataba pedíndolle "á toda a sociedade, partidos e axentes económicos" confianza "para que este proxecto que suscitou o interese de todo o pobo de Caldas de Reis poida completarse e desenvolverse".

Nesas datas, o 10 de decembro, Quinteiro difunde a videorreportaxe xa sinalada, na que entrevistaba o alcalde de Caldas, Juan Manuel Rey (PSdeG), a Cristina Barros (Esquerda Unida de Caldas) e a Marcos Pérez, arquitecto e coñecedor de asuntos urbanísticos. Un día despois publicábase en Praza a información, o que amplificou a difusión da primeira reportaxe.

Ese mesmo 11 de decembro dende o Concello emítese un informe xurídico “sobre a procedencia de ordenar a paralización das obras e impedir os usos a que den lugar” e seis días despois, o 17 de decembro o alcalde de Caldas decreta a paralización inmediata das obras e o impedimento dos usos aos que poidan dar lugar, unha decisión que se fixo pública esta semana. Queda paralizado, de momento, este polémico proxecto, no que os grupos opositores do Concello denunciaban numerosas irregularidades e intereses políticos na súa posta en marcha a toda costa.

O aeródromo carece de autorización da Axencia Española de Seguridade Aérea © Quinteiro

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.