O Concello de Lugo presenta o recurso contra a anulación da ordenanza do galego

Mobilización de Queremos Galego ante o Concello de Lugo © Concello de Lugo

O Concello de Lugo vén de pedir a admisión a trámite do recurso de casación contra a sentenza que anula parte da ordenanza do galego. Avanzouno este mércoreds a concelleira de Cultura, Carmen Basadre, que secundou, xunto con outros membros do goberno e da corporación municipal, a manifestación convocada diante do consistorio pola plataforma Queremos Galego en defensa da lingua galega

Cumprindo co seu compromiso, o Concello de Lugo tramita o recurso de casación ante o Tribunal Supremo contra a sentenza ditada polo TSXG que anula parte da Ordenanza Reguladora do Uso do Galego na Administración Local de Lugo, unha norma que fora aprobada por unanimidade da corporación no ano 2012. O TSXG anulara completamente tres artigos, así coma apartados doutros dez, da devandita ordenanza atendendo a un recurso presentado por Galicia Bilingüe.

O Concello de Lugo pide a admisión a trámite comunicando a intención de interpoñer o recurso ao TSXG

Agora, o Concello pide a admisión a trámite comunicando a intención de interpoñer o recurso ao TSXG nun escrito, que, á súa vez, o TSXG lle remitirá ao Supremo. 

Carmen Basadre aclarou que o Concello "defende a ordenanza que entre todos os grupos apoiamos no seu día porque entendemos que a administración local é o lugar dende o que debemos seguir potenciando o uso do noso idioma”.

A concelleira de Cultura entende que "a administración local é o lugar dende o que debemos seguir potenciando o uso do noso idioma”

Así, o Concello alega “incongruencia omisiva” e “falta de motivación” nalgúns aspectos da sentenza do alto tribunal galego, así como que “algúns pronunciamentos” da mesma “infrinxen o disposto nunha serie de preceptos estatais e de dereito comunitario que garanten a protección especial do galego, en canto lingua cooficial, nas súas múltiples manifestacións en cada un dos preceptos anulados, así como o dereito dos cidadáns ao uso das linguas cooficiais”, e tamén contraveñen a “xurisprudencia existente no uso das linguas”. Argumenta así mesmo que o ditame “aséntase maioritariamente nunha idea de exclusión do castelán que non está presente na súa recta interpretación” na norma municipal.

Ademais, a portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, tamén participou na concentración de Queremos Galego, onde lamentou que nun momento en que o idioma propio está perdendo falantes se ergan “novos muros” contra a lingua propia.

O recurso alega que o ditame “aséntase maioritariamente nunha idea de exclusión do castelán que non está presente na súa recta interpretación” na norma municipal

O recurso presentado por Galicia Bilingüe pola ordenanza de Lugo é case idéntico á moción coa que Ciudadanos debutou no Concello de Ferrol e na que solicitou a derrogación de seis artigos da Ordenanza de Normalización Lingüística que fora aprobada por unanimidade hai vinte anos. A formación laranxa non conseguiu finalmente apoio ningún á súa proposta, xa que PP, BNG e os partidos que forman parte do goberno municipal (Ferrol en Común e PSdeG) uniron os seus votos contra o da unica concelleira de C's.

Mobilización de Queremos Galego ante o Concello de Lugo © Concello de Lugo

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.