O Concello de Ponte Caldelas decide pechar o seu Centro de Información para a Muller

Casa do Concello de Ponte Caldelas CC-BY-SA estevoarei

A pasada semana o Concello de Ponte Caldelas, gobernado por un tripartito formado por PSdeG-PSOE, AVP e BNG, decidiu o peche do Centro de Información á Muller (CIM), optando por non renovar o contrato das dúas traballadoras (unha avogada e unha psicóloga) e substituíndo o CIM por un "servizo integral de asesoría legal" que atenderá diversos asuntos (desafiuzamentos, separacións, problemas con subministros...) un día por semana. En canto á atención psicolóxica, da que agora carecerá a vila, o Concello pagará os gastos de desprazamento das persoas que o soliciten ata algún servizo situado noutro Concello "ata que se cree un servizo propio". Ponte Caldelas queda polo tanto sen un servizo específico de apoio ás vítimas da violencia de xénero.

Ponte Caldelas substitúe o CIM por un "servizo integral de asesoría legal"

O Goberno local argumentou que o custe do CIM era excesivo, unha explicación que foi respondida de inmediato polas dúas profesionais que perderon o seu posto de traballo e por ASOCIM, entidade que defende os dereitos do persoal destes organismos. A entidade lembrou que "a Xunta, a través dos fondos sociais da Unión Europea, cobre a práctica totalidade dos custes salariais do persoal". O actual Goberno local de Ponte Caldelas denuncia que o executivo anterior, do PP, deixou un buraco nas contas públicas de case un millón de euros, unha débeda que en 2017 queren baixar dos 600.000 euros.

O CIM levaba 10 anos funcionando en Ponte Caldelas no momento en que o Goberno local se negou a prorrogar o contratos das dúas traballadoras, que esixiran ou ben a súa consolidación como persoal laboral fixo, ou ben unha indemnización, ambas opcións rexeitadas polo Concello. ASOCIM denuncia que "cando estas profesionais tratan de exercer o seu dereito a recoñecer e dignificar os seus postos de traballo son despedidas" e o Concello "deixa sen este servizo a moitas usuarias. Este é o aguinaldo con que agasalla o Sr. Alcalde de Ponte Caldelas ás mulleres do seu municipio".

"A atención integral das mulleres, cercana e especializada, non pode depender do capricho dun goberno municipal, cando debería estar blindado", di ASOCIM

ASOCIM explica que en toda Galicia hai 81 CIM (29 na Coruña, 11 en Lugo, 14 en Ourense e 27 en Pontevedra), de titularidade municipal en todos os casos e subvencionados pola Secretaría Xeral de Igualdade. Estes centros, destacan, "atenden de xeito integral ás demandas de milleiros de usuarias de xeito gratuito e con vocación de servizo público" e son "a vangarda da atención a mulleres que sufren a violencia de xénero en todas as fases da mesma, haxa ou non denuncia". A asociación critica con dureza a decisión adoptada polo Concello de Ponte Caldelas, que entenden como un retroceso das estruturas de loita contra a violencia de xénero e do seu financiamento público. "A atención integral das mulleres, cercana e especializada, non pode depender do capricho dun goberno municipal, cando debería estar blindado e coidado como un servizo de prevención e apoio indispensable nunha sociedade desenvolta", conclúen.

As persoas que traballan nos CIM "estamos cansas de ser 'prostituidas' para fotografías e campañas en contra da violencia de xénero os días de gardar para alimentar os egos patriarcais de dirixentes políticos sen ningunha conciencia de xénero", denuncian

"Non se trata dun despedimento, nin dun problema salarial, nin dun interese político de mellora ou rendibilidade dun servizo, trátase dunha violencia estrutural esgotadora contra as profesionais que traballamos nos servizos de igualdade, asociacións de mulleres e outros colectivos feministas. Non é un interese político, é un desinterese, un desinterese cronificado porque a igualdade non forma parte das axendas políticas dun xeito prioritario e transversal", engaden dende a asociación. Dende a entidade denuncian que as persoas que traballan nos CIM "estamos cansas de ser 'prostituídas' para fotografías e campañas en contra da violencia de xénero os días de gardar para alimentar os egos patriarcais de dirixentes políticos sen ningunha conciencia de xénero. Dirixentes que empregan as políticas de xénero coma escaparates violetas onde lucirse cheos de lazos, e que no día a día traducen a súa indiferenza, o seu desprezo e a invisibilidade cara ao noso traballo, a nosa persoa, e a problemática das nosas usuarias".

Casa do Concello de Ponte Caldelas CC-BY-SA estevoarei

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.