O Concello de Santiago dá marcha atrás e suspende as obras de Galeras

Vista do parque co proxecto da rotonda superposto CC-BY-SA Praza Pública

Logo de meses de protestas veciñais e de polémica, o Concello de Santiago vén de decidir devolver á concesionaria o proxecto da rotonda de Galeras ao entender que incumpre a normativa. O alcalde Agustín Hernández anunciouno este xoves en rolda de prensa e no mesmo día que se puxera como prazo para decidir o que facer cun polémico proxecto que implicaba reducir a extensión dun parque público para construír un novo acceso a un aparcamento privado.

O Concello di que para o proxecto por cuestións técnicas, entre elas o incumprimento da normativa de incendios e accesibilidade

Segundo o Concello, o proxecto paralízase por diversas cuestións técnicas, entre elas o incumprimento da normativa de incendios e accesibilidade, aínda que o alcalde non desbotou recuperalo nun futuro e lembrou que hai outros lugares en Compostela onde o acceso a aparcadoiros privados sitúanse en terreos públicos.

A orixe do proxecto está nun convenio asinado o 22 de maio de 2013 polo anterior alcalde compostelán, Ángel Currás, e por José Luis Liñares, representante legal da empresa Tugalu, propietaria do aparcadoiro La Catedral. Neste convenio o Concello "permite a construción" dun novo acceso ao aparcadoiro", que "ocupará parte do espazo público", e a empresa asume a construción da rotonda.

A mobilización da veciñanza e a protesta social foi intensa nos últimos meses, con manifestacións e pícnics reivindicativos, entre outras iniciativas. Segundo Hernández, non obstante, o caso foi "utilizado para deteriorar politicamente un Goberno", en referencia ao anterior execuito local. Agora, o alcalde, que se reunirá a vindeira semana cos veciños da zona afectada, reclama xa á empresa que promove a obra que retire o valado da zona pública, que ocupaba zona pública e que estaba en claro deterioro.

Con esta paralización, o Concello venlle dar a razón á oposición e ao colectivo en defensa do parque de Galeras, que sempre puxeron en dúbida a legalidade do proxecto por ir en contra dos intereses xerais da cidadanía. 

Concentración dos veciños e veciñas de Galeras, este sábado © EU Compostela
Veciñanza de Galeras contraria ás obras CC-BY-SA Praza Pública

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.