O Concello de Santiago irrita a veciñanza de Galeras, que leva as obras á Fiscalía

Veciñanza de Galeras contraria ás obras CC-BY-SA Praza Pública

Apagar o lume con gasolina. Esta semella ser a estratexia, premeditada ou non, do Concello de Santiago a respecto do conflito que ten aberto no barrio de Galeras, onde a veciñanza se mobiliza dende hai días para tentar frear o que considera a "privatización" dun anaco do seu parque para construír un acceso a un aparcadoiro privado. Lonxe de tentar acougar os ánimos a voceira do Goberno local e edil de Urbanismo, María Pardo, que xa tentou sen éxito convencer os asistentes á protesta do pasado sábado, deu alteralos maís aínda ao falar da mobilización como un froito da manipulación polítíca e do manexo de información "falsa".

Valéndose dun dos esquemas dialécticos máis clásicos á hora de tentar desdeñar protesta cidadás Pardo procura desprazar o debate alén do evidente, a oposición á destrución de parte dun parque, para considerar que a veciñanza se está a basear en datos "proporcionados" por "intoxicadores profesionais", tales como membros da oposición municipal, persoal do Concello, membros do Colexio de Arquitectos "e mesmo sindicalistas". Acusa a todos estes colectivos porque algúns dos seus membros "estaban alí", na protesta, caso por exemplo da concelleira socialista Mercedes Rosón ou da ex edil nacionalista Encarna Otero. Aínda que sen chegar a teorizar sobre grupos itinerantes Pardo si mantén que algunhas das persoas que protestan non viven no barrio e están movidas por "un interese moi grande en facer Gamonales en Santiago".

O goberno local detecta "interese por facer Gamonales" e a veciñanza retruca: "non estamos intoxicados, estamos fartos"

Precisamente a información que manexa a veciñanza e que segundo o Concello está inzada de "falsidades" está xa nas mans da Fiscalía. En declaracións á Cadena SER un dos voceiros veciñais, Manuel García Castro, explicaba este martes que, a través dun escrito poñen en coñecemento do Ministerio público o que está a suceder "para que actúe na defensa do espazo público" e "contra a ocupación e peche" de parte do parque, "hoxe xa coa presenza de maquinaria". A construción do acceso "non se xustifica polo ben público" e só beneficia o propietario do aparcadoiro, di García Castro, que retruca á concelleira advertíndoa de que "non estamos intoxicados, estamos fartos".

"O único intoxicado é o Concello coas corruptelas"

A rechamante reacción política do Concello tampouco pasou desapercibida para a oposición municipal, a comezar por unha das aludidas. "Chamarlles intoxicadores aos políticos, traballadores do Concello ou do Consorcio e aos sindicalistas é propio de María Pardo e do PP e fala doutra época na que a señora Pardo se atoparía mellor que nesta", di a socialista Mercedes Rosón, quen contrapón a mobilización veciñal na "defensa dos intereses cidadáns" coa "defensa dos intereses dunha empresa" que, ao seu xuízo, protagoniza a edil de Urbanismo. Para o PSdeG compostelán a actitude do goberno local é "vergoñenta", máis aínda porque, asegura, mentres Pardo falaba cos presentes na protesta "o seu marido e a súa secretaria tomaban nota dos asistentes". "Ningún dos que estamos alí lle temos medo", advirte.

O PSdeG local asegura que "o marido e a secretaria" da edil de Urbanismo "tomaron nota dos asistentes" á protesta

Os socialistas apoian a veciñanza e dubidan dos intereses municipais nesta operación e tamén o fai o voceiro do BNG no consistorio, Rubén Cela, para quen "o único que está intoxicado" na capital galega "é o Concello, polas políticas do PP, polas súas malas prácticas e polas súas corruptelas". Sinala o nacionalista que, igual que "cando a xustiza actuaba" investigando o goberno local María Pardo vía "unha conspiración contra o PP", agora carga contra a veciñanza "por reivindicar o seu dereito a estar informada e protestar ante unha actuación que entenden que non é necesaria". Os veciños e veciñas "son maiores de idade" e "non tan doados de intoxicar", asegura o concelleiro, para quen "criminalizar o discrepante é unha das actitudes características e clásicas do fascismo".

María Pardo, edil de Urbanismo de Compostela © Concello de Santiago

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.