O conflito na CRTVG deriva este mércores nunha folga de 24 horas

© CUT CRTVG

O persoal da Corporación Radio Televisión de Galicia (CRTVG) está chamado este mércores a unha folga xeral de 24 horas en protesta “contra a manipulación” e o “desmantelamento dos medios públicos”. Será nunha xornada na que a proposta dos profesionais chegará ás portas do Parlamento, desde onde partirán logo en manifestación polas rúas de Compostela. 

Á folga de 24 horas úneselle unha concentración ante o Parlamento e unha manifestación polas rúas compostelás

Malia as negociacións abertas e os intentos até última hora da dirección por evitar o paro, os traballadores amosaron de xeito moi maioritario e decidido a súa intención por continuar coas protestas que levan a cabo desde hai semanas –con paros de dúas horas con amplo seguimento– e “ata que a dirección adopte as decisións axeitadas para garantir a prestación do servizo público esencial”.

Así o manifesta o comité intercentros da CRTVG nun comunicado sobre unhas protestas que continuarán con outro paro durante a mañá do vindeiro sábado, coincidindo coa retransmisión so sorteo da lotaría de Nadal. A folga de 24 horas chega mentres continúan, en paralelo, as protestas dos venres negros e que superan xa as 30 semanas entre a falta de respostas do presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo malia ser directamente preguntado polos numerosos conflitos abertos nos medios públicos.  

Concentración de persoal da CRTVG no sexto día de paros © CUT CRTVG

Até última hora a dirección dos medios públicos intentou evitar a folga, mesmo cunha convocatoria de reunión ao comité de folga para esta mesmo mañá que desde os representantes sindicais desbotaron ante o nulo avance –“mesmo retroceso”, aclaran– das conversas dos últimos días e a inminencia do paro. 

“A dirección non mostrou durante as negociacións dos últimos días unha vontade seria para ofrecer medidas que permitan a desconvocatoria das mobilizacións”

“A dirección non mostrou durante as negociacións dos últimos días unha vontade seria para ofrecer medidas que permitan a desconvocatoria das mobilizacións”, di o comité intercentros, que acusa a CRTVG de facer “propostas febles ou insuficientes”.

Entre as medidas que reclama o persoal está a recuperación da produción propia interna, con programas de servizo público e unha estrutura de persoal axeitada, a “erradicación da manipulación informativa co cumprimento da lei de Medios” e a fin da “exteriorización indiscriminada de producións e servizos”. Tamén solicitan medidas laborais como o remate da contratación fraudulenta, a substitución do persoal ausente ou “o cambio da actual política represiva e sancionadora”, en referencia aos expedientes abertos a Carlos Jiménez ou Beatriz Moyano, xunto con accións a prol dunha conciliación efectiva da vida familiar. 

En canto á produción propia, a CRTVG acabou ofrecendo un aumento de entre 15 e 30 minutos nos programas informativos. Ademais, aceptou debater sobre eses "contidos de servizo público" que reclama o persoal e propuxo a creación dun programa semanal logo do horario de prime time, que incluiría reportaxes e entrevistas. Tamén estaba disposta apostar por máis programación infantil, cun espazo de media hora diario que, "ademais da ampla oferta de animación na segunda canle, conte tamén con personaxes de carne e óso", en palabras dos xestores.

Os "abusivos" servizos mínimos, denunciados polo comité, poderían evitar que se visibilicen os efectos dunha folga que se prevé "histórico"

No entanto, e segundo fontes negociadoras, as propostas nunca se concretaron, ademais de negarse a dirección a recuperar as desconexións territoriais da Radio Galega e obviar calquera reclamación sobre o cumprimento da lei de Medios e a creación do Consello de Informativos.

Para os sindicatos, unha “mostra evidente da falta de vontade negociadora” xa foi a imposibilidade de chegar a un acordo sobre os servizos mínimos durante os días de folga, que reproducen convocatorias de persoal semellantes ás que anteriormente xa foron declaradas abusivas polos tribunais e que o comité acordou tamén denunciar nesta ocasión.

“A mensaxe do persoal foi moi clara; non queren aceptar calquera proposta e queren ver resultados xa"

Son eses servizos mínimos “abusivos” –superiores aos do 8-M– os que poden facer, segundo fontes do comité de folga, que os efectos da folga non sexan tan visibles como desexarían na programación dos medios públicos, aínda que cren que o seguimento será “histórico”. De feito, nalgunhas delegacións teñen garantido un apoio do 100% ao paro. “A mensaxe do persoal foi moi clara; non queren aceptar calquera proposta e queren ver resultados xa, está farto”, explican. 

Sede da CRTVG, en San Marcos © CRTVG

Mobilización e chamado á cidadanía


Tamén neste mércores 19, persoal da CRTVG concentrarase ás 10 da mañá diante do Parlamento de Galicia, coincidindo co debate dos Orzamentos. Ás 12 os profesionais sairán en manifestación percorrendo a rúa do Hórreo ata a Praza de Galicia, República do Salvador e Doutor Teixeiro, para rematar na Praza Roxa.

As traballadoras e traballadores fan un chamado á á cidadanía e ás forzas sociais para que “se sumen a ese acto que baixo o lema Non ao desmantelamento, non á manipulación, non á represión.

O persoal da CRTVG pide á cidadanía que se una ás súas mobilizacións 

O obxectivo é, segundo din, amosar o seu “compromiso coa defensa do servizo público da Radio e Televisión de Galicia” e “concienciar sobre a importancia duns medios públicos de calidade na promoción da nosa lingua e a nosa cultura nun marco de pluralidade democrática”.

A oposición xa amosou o seu apoio ás protestas do persoal da CRTVG. Neste mércores, En Marea CRTVG denunciou que se siga a "empregar como medio de propaganda do PP" e rexeitou a "actitude soberbia do presidente da Xunta cando se lle pregunta que vai facer para acabar coa situación actual". O BNG, pola súa banda, censurou "o uso partidista do Partido Popular, que converteu a RTVG no gabinete de prensa de Feijóo".

Dominio Público Comité CRTVG

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.