Logo de nove horas de negociación nunha nova xuntanza entre Xunta e comité para desencallar o conflito, a folga indefinida do persoal da Administración da Xustiza continuará nos xulgados galegos nas vindeiras horas tras outra infructuosa negociación sen case avances que continuarán este martes a partir das 9 horas.
A reunión entre Xunta e sindicatos non desencalla un conflito que cumpre o noveno día efectivo de folga cun 90% de seguimento
Foi unha reunión coas posturas moi afastadas e con tensión nunha nova xornada da folga indefinida -o noveno día efectivo- na que, segundo os sindicatos, o seguimento foi "superior ao 90%" de media. Así, as centrais advirten de que os traballadores están dispostos "a resistir o que faga falta" mentres os xulgados traballan con pouco máis que cos servizos mínimos.
Volvéronse suspender centos de xuízos en toda Galicia, entre eles o previsto contra o alcalde de Barreiros por outorgar licenzas ilegais para 2.966 vivendas nun só ano. A folga obrigou a aprazar a vista oral, na que a Fiscalía prevía pedir dous anos de cárcere e dez de inhabilitación por uns feitos cometidos hai doce anos.
As negociacións seguen paralizadas no que ten que ver co incremento salarial e cos descontos en baixas por incapacidades temporais
Mentres, na nova reunión, os traballadores insistiron en que "as reivindicacións son cinco" e non só a económica, ao abordarse tamén cuestións como os descontos en baixas por incapacidades temporais, amortizacións, consolidación de emprego e cobertura de compañeiros de rango superior. Ante todo isto, insisten en que son necesarios "avances" en todos os puntos -e non unicamente na suba do complemento autonómico no salario- para alcanzar un acordo.
A Xunta explicou a súa proposta, que consistiría en converter en fixas 36 prazas de reforzo e cambios xa nas substitucións. O Goberno galego compromete a modificación da norma de maneira inmediata para incluír a percepción dunha cantidade adicional, de modo que o persoal dun corpo funcionarial inferior que faga substitucións nun posto superior perciba "a mesma remuneración"
Pero é nesa "discriminación sanitaria por baixas" e no incremento salarial onde as posturas seguen moi afastadas. A Xunta, segundo fontes do comité de folga, "non só non se move, senón que actúa con prepotencia e desafiándonos". "Dannos a entender que tanto lles ten a folga porque, ademais, están aforrando cartos", contan.
O comité de folga acusa os representantes da Xunta de actuar con "prepotencia" e "desafiando" os traballadores
Ademais, os representantes dos traballadores acusaron a José Barreiros, director xeral de Función Pública e un dos negociadores da Xunta xunto ao seu homólogo de Xustiza, Juan José Martín, de cualificar de "privilexiados" os funcionarios en folga e de instalos a "marchar a outra autonomía" se non están "contentos". "Hai galegos que non cobran mil euros", teríalles dito, repetindo as palabras coas que o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, lanzou a cidadanía precaria ou en paro contra estes traballadores xudiciais.
Nas declaracións posteriores, tamén sinalaron a Barreiro por instalos a "marcharse" se non estaban "contentos". A Barreiro atribuíuselle tamén a afirmación de que, coa folga indefinida activada, os sindicatos poñen a Galicia á altura "de Venezuela". "Nós non convidamos a ninguén a marcharse, esta persona si que tería que ser destituída de inmediato", advertiu o portavoz sindical da central nacionalista, mentres algún dos seus compañeiros volvía cualificar o director xeral de Función Pública de "sicario político".
Os traballadores denuncian que Barreiro instounos a marchar e acusounos de converter Galicia en "Venezuela"
Na xuntanza, malia os desexos dos sindicatos, non estivo presente o vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, de quen critican a súa actitude durante todo o conflito. Martín e Barreiros, durante a negociación, abandonaron a xuntanza un momento para que o comité de folga analizase unha nova proposta que, no que ten que ver co incremento salarial, non incluía mellora ningunha, aínda que sí relativas á consolidación ou creación de novas prazas e tamén ás substitucións. No caso das baixas, a Administración agarda a un acordo a nivel estatal. O Goberno remítese ao incremento de entre 816 e 1.080 euros ao ano era a última proposta tras insistir en varias ocasións que os 2.700 euros reclamados polos funcionarios son "inasumibles" pola Administración.
Alén disto, desde os sindicatos tamén acusan a Xunta de incluír na negociación demandas sobre a mellora de medios e persoal nos xulgados de violencia e xénero ou para a conciliación familiar dos traballadores que son reivindicadas desde hai tempo polos funcionarios pero que "non están na táboa reivindicativa deste conflito". "Fano para utilizalo como arma contra nós", rematan.
O comité de folga, ademais, enviou comunicación á Delegación do Goberno en Galicia coa convocatoria dunha manifestación central en Santiago para o vindeiro sábado 24