O Congreso insta a Defensa a negociar o traspaso dos terreos do Campo da Estrada, na Coruña

As tres parcelas suman 5 mil metros cadrados © Google Maps

A Comisión de Defensa do Congreso aprobou este mércores, por unanimidade, instar o Ministerio a suspender a poxa dos terreos do Campo da Estrada, na Coruña, que o Exército quere vender para construír vivendas de luxo. En Marea presentara unha proposición non de lei para paralizar a poxa e reclamarlle ao Ministerio de Defensa que lle devolvese estes terreos ao Concello da Coruña de xeito gratuíto, na liña das dúas mocións aprobadas polo pleno municipal herculino. Finalmente, o grupo galego apoiou unha emenda presentada polo PSOE que modificaba parcialmente a primeira proposta, aprobándose a suspensión do proceso de venda e a petición de que se estableza "unha mesa de negociación" entre o Ministerio e o Concello "para estudar o traspaso das parcelas de acordo coa lexislación".

A pelota está, pois, no tellado dos responsables do Ministerio en funcións, que deben agora decidir se atenden a petición realizada polo Congreso para iniciar negociacións sobre o traspaso dos terreos

A poxa suspendida, en calquera caso, ía camiño de quedar deserta, pois dende o Partido Popular confirmouse que -pechado xa o prazo para a presentación de ofertas- non houbera máis que unha, a realizada pola Comisión Aberta en Defensa do Común, que ofreceu a cantidade simbólica dun euro. O Exército solicitaba o pagamento de case 25 millóns de euros por uns terreos que se atopan nunha localización privilexiada, a poucos metros do mar e a cinco minutos da praza de María Pita.

A pelota está, pois, no tellado dos responsables do Ministerio en funcións, que deben agora decidir se atenden a petición realizada polo Congreso para iniciar negociacións sobre o traspaso dos terreos. Este luns Defensa reiterou a súa negativa a ceder gratuitamente estas parcelas (de propiedade comunal ata o século XIX), escudándose en que, por lei, non pode "ceder terreos ou outros bens gratuitamente, xa que forman parte do patrimonio que o Estado puxo a disposición deste departamento”.

Gómez Reino denunciou que o Goberno en funcións pretenda comportarse "como un promotor inmobiliario"

Na defensa da proposición non de lei presentada, o deputado de En Marea Antón Gómez Reino lembrou que estes terreos constitúen "espazos comunais, bens propios, pertencentes á cidade dende a súa fundación", situados ademais no ámbito de protección BIC que protexe ás murallas da Coruña e ao espazo entremurallas. Salientou, igualmente, como xa fixera a moción aprobada no pleno municipal, que "a existencia alí de restos arqueolóxicos do sistema defensivo" faría necesaria "a correspondente autorización tanto da Dirección Xeral de Patrimonio da Xunta coma do Concello para calquera tipo de actuación". Gómez Reino denunciou tamén que o Goberno en funcións pretenda comportarse "como un promotor inmobiliario e reproducir os peores tics que nos levaron á burbulla do ladrillo", lembrando a existencia de milleiros de vivendas baleiras na Coruña. "O noso obxectivo é defender un modelo de cidade en cuxo centro estea o espazo público o patrimonio e a cidadanía", contrapuxo. "O espazo público é política", engadiu.

O deputado concluíu definindo este proxecto inmobiliario como "unha broma de mal gusto", atendendo ao gasto total realizado o pasado ano polo Ministerio de Defensa (17.465 millóns de euros, tres veces máis do orzamentado inicialmente). "De verdade necesita o Ministerio 25 millóns máis?", preguntouse.

A Comisión Aberta en Defensa do Común critica que finalmente non se aprobase a cesión gratuíta (ou co pagamento simbólico dun euro) proposta

Pola súa banda, a Comisión Aberta en Defensa do Común entregará este venres no Rexistro da Xunta un escrito dirixido a Alberto Núñez Feijóo, no que solicita "a súa intermediación" ante o Ministerio de Defensa para que os terreos "revertan gratuitamente no Concello da Coruña para uso público". "Defensa ocupou uns terreos que nunca foron seus, independentemente de que os teña escriturados ao seu nome, circunstancia ocurrida en etapas absolutistas e de dictadura", destaca. En relación co texto acordado no Congreso, a Comisión critica que finalmente non se aprobase a cesión gratuíta proposta (ou co pagamento simbólico dun euro): "hai exemplos dabondo na cidade para saber como rematan ese tipo de negociacións: con fortes desembolsos de cartos públicos e con unha perda nada desdeñable de patrimonio público", sinalan.

 

Plano municipal actual, co trazado das murallas. En vermello, a muralla barroca, no Campo da Estrada (Maestranza) Dominio Público Praza Pública
As tres parcelas suman 5 mil metros cadrados © Google Maps

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.