O Consello Escolar de Galicia rexeita o decreto de comedores

Concentración ante a sede do Consello Escolar de Galicia © Suso Bermello

O Pleno do Consello Escolar de Galicia acordou por 17 votos a favor, 13 en contra e unha abstención, a devolución ao goberno galego do novo decreto de comedores escolares. Coincidindo coa votación, fronte á sede do organismo tivo lugar unha concentración convocada polas plataformas en defensa do ensino público.

CIG-Ensino defendeu unha emenda á totalidade coa que solicitou a retirada da proposta de Decreto polo que se regulan os comedores escolares dos centros docentes públicos non universitarios, porque "pon en tea de xuízo a igualdade de oportunidades, vulnera o dereito á educación e o deber de estar escolarizado, elimina o dereito ao comedor escolar gratuíto para o alumnado transportado,  non cumpre a función compensatoria, nin moito menos social, e penaliza a poboación do medio rural".

CC.OO.-Ensino destaca que se trata da terceira ocasión en que o Consello Escolar de Galicia resolve contra a Consellaría de Educación, tras as resolucións sobre o decreto do plurilingüismo e a lei de convivencia

Pola súa banda, CC.OO.-Ensino destaca que se trata da terceira ocasión en que o Consello Escolar de Galicia resolve contra a Consellaría de Educación, tras as resolucións sobre o decreto do plurilingüismo e a lei de convivencia. De igual xeito, para AGE isto supón "un novo golpe ao PP tamén en materia de educación". Alternativa esixe "a inmediata retirada por parte da Consellería de Educación deste decreto", que é "rexeitado por toda a comunidade educativa".

Na súa intervención no pleno, CIG-Ensino denunciou "a actuación da Consellaría de Educación" por "saltarse o procedemento legal que é preceptivo, a negociación deste decreto na Mesa Sectorial". Para o sindicato nacionalista "esta actitude evidenciou, unha vez máis o comportamento antidemocrático e autoritario da Consellaría de Educación que concibe os foros de negociación e participación como un estorbo".

A CIG defendeu a elaboración dun novo decreto que garanta o uso gratuíto do comedor escolar a todo o alumnado beneficiario do transporte escolar e daquel cuxa renda mensual familiar non exceda tres veces o SMI

CIG-Ensino defendeu a elaboración doutro novo proxecto de decreto que garanta o uso gratuíto do comedor escolar a todo o alumnado beneficiario do transporte escolar e daquel cuxa renda mensual familiar non exceda tres veces o salario mínimo interprofesional. E tamén "a habilitación de espazos necesarios en todos os centros públicos para que estes se poidan dotar do servizo de comedor" e a contratación "de persoal específico, coa cualificación necesaria e con relación laboral coa Consellaría de Educación, para atender o comedor".

Concentración ante a sede do Consello Escolar de Galicia © Suso Bermello

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.