"O copagamento é un imposto á enfermidade que dificultará o acceso á atención sanitaria"

Manifestación de SOS Sanidade Pública © CIG

A Plataforma SOS Sanidade Pública comezou a principios do pasado mes de febreiro a promover unha Iniciativa Lexislativa Popular (ILP) en Defensa do Sistema Sanitario Público. En maio terán altamente superadas as 15 mil sinaturas de apoio necesarias para que se acepte a trámite, pero a actual maioría absoluta do PP no Parlamento galego ameaza con impedir que poida seguir adiante.

As chamadas Plataformas para a Defensa da Sanidade Pública levan máis de quince anos funcionando en algunhas das diferentes áreas sanitarias de Galiza. Coas políticas de recortes e privatizacións no Sergas dos últimos tempos estes colectivos cidadáns estendéronse por todo o país e agrupáronse ao redor da Plataforma SOS Sanidade Pública, unha alianza estratéxica entre as organizacións que representan os cidadáns, os traballadores e os sectores sanitarios progresistas, co obxectivo de defender e mellorar o sistema público.

Sindicatos, médicos e enfermeiros a título individual, asociacións de veciños, asociacións de enfermos, ONG’s, organizacións de profesionais e Concellos progresistas e partidos como PSdeG-PSOE, BNG ou Esquerda Unida integran SOS Sanidade Pública a día de hoxe. Manuel Martín, presidente da Federación de Asociacións para a Defensa da Sanidade Pública e portavoz da plataforma, fai un repaso á situación actual do Sergas. 

 

Por que decidiron promover a ILP neste momento?

A sanidade pública galega corre un serio risco de privatización como consecuencia das políticas de recorte que está poñendo en marcha a Xunta de Galicia coa escusa da crise económica. Na Iniciativa Lexislativa Popular esiximos o mantemento do carácter público do sistema sanitario, eliminar as fórmulas de financiamento e xestión privada dos centros sanitarios que está introducindo a Consellaría de Sanidade e a potenciación da Atención Primaria para mellorar a súa capacidade resolutiva e evitar a derivación aos hospitais de pacientes que poderían ser diagnosticados e tratados nos centros de saúde se estes contaran cos recursos necesarios, evitando así demoras  na atención e nas listas de espera.

Que resposta están tendo por parte da cidadanía?

O gran número de sinaturas que conseguimos en pouco tempo mostran o enorme apoio de xente ó sistema público e o rexeitamento á súa privatización. O prazo para recoller as 15 mil sinaturas necesarias acaba en maio, pero esperamos duplicar ou triplicar o número de firmas esixidas para a súa tramitación parlamentaria. Contamos co apoio do BNG e do PSdeG-PSOE, pero a maioría absoluta do PP fai que probablemente non sexa aprobada polo Parlamento malia o enorme respaldo cidadán á mesma.

"Esperamos duplicar ou triplicar o número de firmas esixidas para a súa tramitación parlamentaria"

Como se están efectuando as recollidas?

Están a poñerse mesas nas portas dos centros sanitarios, nas prazas públicas, nos centros de traballo..., é dicir, que alí onde se congrega a xente estamos recollendo sinaturas. Tamén se están realizando presentacións audiovisuais e debates en locais públicos e na rúa, actos de lectura con representantes da cultura, concentracións fronte a centros sanitarios, manifestacións, peches de protesta de delegados sindicais... Pretendemos arroupar a Iniciativa cun gran debate e mobilización social e profesional.

Fagamos unha radiografía do actual sistema sanitario.

Os hospitais xa non traballan pola tarde, polo que os quirófanos, laboratorios ou servizos de radioloxía só son utilizados durante media xornada, o que esta multiplicando as listas de espera e as derivacións a centros privados. O Plan de Mellora de Atención Primaria que pretendía incrementar o equipamento dos centros de saúde e a capacidade resolutiva dos mesmos foi abandonado de maneira definitiva, suprimíronse servizos de ambulancias, están a desmantelarse áreas sanitarias, suprimíronse os servizos de radioloxía nas urxencias dos hospitais comarcais, pecháronse laboratorios, privatizouse a central de chamada, a centrais de compra e a plataforma informática, suprimiuse a atención ós inmigrantes e ás persoas sen recursos, cóbrase por emitir o cartón sanitario.
Ademais, paralizouse a construción de 66 centros de saúde, paralizáronse os plans de mellora dos hospitais de Ourense, a Coruña, Santiago e Ferrol, paralizouse a ampliación do Hospital de Pontevedra e o proxecto de Novo Hospital de Vigo foi recortado e asignado a uns grupos de empresas construtoras e bancos para salvalos da ruína multiplicando por sete o custo a pagar con diñeiro público.

Non contento con isto, Núñez Feijoo anunciou que pensa facer pagar aos enfermos nos hospitais pola comida ou a limpeza e que os pensionistas abonen unha parte das receitas. Todo isto esta reducindo a calidade da atención e incrementando de maneira importante as listas de espera e a marxinación dos que máis atención necesitan, como son as persoas maiores, os enfermos crónicos e as persoas sen recursos.

"Despedíronse medicos e enfermeiras interinos dos hospitais, suprimíronse máis de mil prazas previstas para os centros de saúde, reduciuse o soldo e elimináronse incentivos como a carreira profesional"

Como se ven afectados os facultativos polos cambios nas políticas de persoal?

Despedíronse medicos e enfermeiras interinos dos hospitais, suprimíronse máis de mil prazas previstas para os centros de saúde, reduciuse o soldo e elimináronse incentivos como a carreira profesional, volveuse aos contratos lixo de horas ou días sen seguridade social… Todo isto repercute tamén na calidade da atención e está creando un ambiente de frustración e malestar moi perigoso.

As listas de espera maquíllanse?

En total hai 285.500 pacientes en espera, publicados polo Sergas. Se a isto lle engadimos os pacientes na lista oculta que supoñen o 50% do total, hai uns  428.756 pacientes que estarán pendentes de asistencia sanitaria hoxe. Isto é unha barbaridade inaceptable polo temor e incerteza que xera en miles de galegos.

Os orzamentos dedicados a sanidade reducíronse nos últimos exercicios?

Reduciuse en 300 millóns o orzamento en tres anos, que vén ser o custo de construír un hospital de 1.400 camas. A crise é o argumento pero sabemos que unha parte importante do diñeiro para sanidade se esta derivando a outras actividades.

"Se a esta brutal redución do orzamento sanitario lle engadimos que o financiamento privado é sete veces máis custoso, o escenario final é que o sistema vai sufrir un colapso financeiro incompatible co seu mantemento"

Que efectos tería unha progresiva privatización do sistema sanitario público?

Se a esta brutal redución do orzamento sanitario lle engadimos que o financiamento privado dos novos hospitais e centros de saúde é sete veces máis custoso, o escenario final é que o sistema vai sufrir un colapso financeiro incompatible co seu mantemento. Parece que a Xunta aposta polo copago e por acabar coa universalidade da atención, dous dos principais signos de identidade da nosa sanidade pública. Se non cambian as cousas a sanidade pública galega pode ter os seus días contados. Estase denegando a atención sanitaria ás persoas que perden o dereito ao paro ou que se atopan en situación de marxinación social. Isto é o mundo ao revés, xa que lle suprimen servizos a quen máis o necesita. É previsible que se dea nos próximos anos un aumento da mortalidade na nosa comunidade autónoma, asociada ós recortes na atención sanitaria.

"É previsible que se dea nos próximos anos un aumento da mortalidade na nosa comunidade autónoma, asociada ós recortes na atención sanitaria"

Daquela hai risco real de que se introduza a fórmula do copago aquí nun período breve de tempo?

Evidentemente, se se reducen os ingresos e aumenta o diñeiro que se traslada ao sector privado, a única maneira de facer cadrar as contas (se non se lle aumentan os impostos ós máis ricos) é facer pagar á xente cando acuda ó seu medico. Isto é un imposto á enfermidade que dificultará de maneira importante o acceso á atención sanitaria a aqueles que menos cartos teñen, que empezan a ser maioritarios se temos en conta que o paro afecta a máis do 25% da poboación, que a pensión media rolda os 600 euros e que máis do 60% dos asalariados gañan menos de 1000 euros ao mes.

Que valoración fai do goberno de Feijóo en materia sanitaria en relación cos anteriores e cáles son as perspectivas que ve no novo Executivo estatal?

Mentres o goberno bipartito incrementou o orzamento entre o 7 e o 11% anual, este goberno do PPdeG reduciuno. Os recortes nos orzamentos autonómicos anunciados por Rajoy para cadrar o déficit obrigarían a seguir recortando recursos e actividade, para garantir unhas enormes ganancias aos mercados (bancos e fondos de investimento estranxeiros e españois).

Miguel Martín, voceiro da plataforma S.O.S. Sanidade Pública Dominio Público Praza Pública
Manifestación de SOS Sanidade Pública © CIG

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.