O Correlingua quece motores para poñerlle "moitos pés" ao galego

Entrega de premios do Correlingua CC-BY-NC-SA Correlingua

Xa van trece. A menos de dúas semanas para as once carreiras a prol do galego, o Correlingua comezou a quecer motores este luns coa entrega dos seus premios escolares. Na cidade de Ourense, sede da primeira marcha, o 2 de maio, os escolares recolleron os seus galardóns por traballos de vídeo, banda deseñada e escritura do manifesto, todos inspirados no lema da edición de 2012: Galego. Todo o que buscas e cos ollos postos, en verbas da súa coordinadora, Marta Dacosta, "nos temas máis candentes", como "a desaparición de cabeceiras de medios de comunicación en galego".

Entre a redución de apoio institucional, derivado polo xeral da crise económica, desta volta hai unha desaparición especialmente significativa, a do Concello de Santiago. A dimisión do ata agora alcalde compostelán, Gerardo Conde Roa, dará lugar a unha circunstancia cando menos significativa. O Correlingua celebrarase na capital o vindeiro 7 de maio co concelleiro que lle retirou o apoio sentado na cadeira da Alcaldía. Nomeadamente, o próximo alcalde de Compostela, Ángel Currás, na súa calidade de concelleiro de Normalización Lingüística, suprimiu non só a axuda económica, senón tamén a achega de elementos de intendencia como un escenario para o remate da carreira. Ademais, realizou unha modificación que non é menor: o evento escolar terá a consideración legal de manifestación.

Callón agarda que o Concello de Santiago "reflexione" e "volva ao Correlingua" que o agarda "cos brazos abertos

Malia todo, dende as entidades organizadoras advirten de que aínda hai tempo para a rectificación. Dende A Mesa pola Normalización Lingüística so seu presidente, Carlos Callón, agarda que Currás "reflexione" e "se decate" de que "non leva a ningures" a posta en práctica dunha política "autoritaria e censorial", xa que a condición para contar co apoio do Concello, lembra, foi que "censurásemos o manifesto", redactado por escolares. "Temos os brazos abertos para que o Concello regrese" ao Correlingua, di Callón en declaracións a Praza Pública, lembrando ademais que apoiar a carreira implica cumprir a ordenanza de normalización do consistorio compostelán.

Á marxe do conflito de Santiago, Callón ve no Correlingua a mostra de que "fan falta moitos pés que se movan en defensa do noso idioma", algo que é posible grazas "tanto ao alumnado como ao profesorado" e tamén ás institucións que si manteñen o seu apoio. Nesta liña, dende o Concello de Ourense a súa tenente de alcalde, Isabel Pérez, subliña a necesidade de que as Administracións "se impliquen de maneira decidida" nesta iniciativa. Do mesmo xeito, dende Pontevedra, o seu edil de Normalización, Demetrio Gómez, coida que o "compromiso" co Correlingua debe ser "máis forte agora que estamos asistindo a ataques continuos ao galego".

Cartel do Correlingua 2012 © Correlingua

Despece

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.