O Defensor del Pueblo investiga a mina de Corcoesto

Tractorada contra a mina de Corcoesto CC-BY-SA Salvemos Cabana

A Defensora del Pueblo, Soledad Becerril, vén de iniciar unha investigación de oficio sobre a mina a ceo aberto de Corcoesto. Así,  solicita toda a documentación pertinente sobre o proxecto mineiro ante a alarma creada polo informe publicado pola Instituto de Investigacións Mariñas do CSIC e a Universidade de Vigo, que non se tivera en conta durante o proceso de avaliación de impacto ambiental, tal e como informa a plataforma Salvemos Cabana.

Soledad Becerril lémbralle á Xunta as advertencias de contaminación dun informe que non tivo en conta durante a avaliación de impacto ambiental

A Oficina do Defensor del Pueblo remitiulle unha carta á Consellería de Medio Ambiente da Xunta na que lle lembra que o devandito informe alcara que "un século despois de quedar sen actividade a antiga mina de ouro de Corcoesto e extraerse 2.363 onzas, a explotación segue vertendo e contaminando con arsénico (uns 850 quilos), a canle do río protexido Anllóns (Lugar de Interese Comunitario e Zona de Especial Protección para as Aves)". A Xunta xa contestou asegurando que a produción de arsénico na zona era natural.

No entanto, tal e como lembra Salvemos Cabana, Soledad Becerril fai patente a preocupación da poboación da zona "cando o proxecto actual consiste nunha explotación a ceo aberto, planificada para un horizonte temporal de trece anos cunha produción total de 1.095.000 onzas de ouro" cando "o citado informe científico afirmaría que nesta mina as rochas presentan unha cantidade de arsénico 50.000 veces maior á habitual e os chans multiplican por 400 a proporción dun terreo non contaminado, polo que pode deducirse que o impacto ambiental será considerable".

"O artigo científico que se cita non pon de manifesto ningún impacto non considerado previamente durante a avaliación ambiental", dille o Goberno galego á Defensora, polo que rexeita "impoñer nesta fase condicions adicionais ás xa establecidas na Declaración de Impacto Ambiental".

Salvemos Cabana pide "a anulación inmediata da Declaración de Impacto Ambiental positiva da mina"

Pero cos datos, xa no seu momento presentados e convenientemente fundamentados dende a Sociedade Galega de Historia Natural (SGHN), Salvemos Cabana solicitou á Consellería de Medio Ambiente, que en decembro desatendeu as alegacións e denuncias realizadas por numerosas asociacións e individuos particulares. "a anulación inmediata da Declaración de Impacto Ambiental positiva da mina de Corcoesto".

Ademais, solicita de maneira urxente que se proceda a realizar "medicións exhaustivas" sobre os actuais niveis de arsénico presentes no Esteiro do Anllóns onde a diario se realizan tarefas de marisqueo, así como "o seu impacto sobre as explotacións gandeiras e a calidade do leite da área de influencia da antiga explotación mineira", e que se inste "de inmediato a suspender calquera movemento de terras futuro que poida incidir na afectación directa ou indirecta do rio Anllóns, que poidan aumentar os niveis de concentración de arsénico en augas e chans da zona protexida".

Investigación do Valedor do Pobo

Ademais, o Valedor do Pobo tamén leva a cabo unha investigación sobre a incidencia da mina en Cabana, desde o punto de vista ambiental, arqueolóxico e socioeconómico e baseándose nas oito queixas que xa foron rexistradas na defensoría galega. Por iso, xa remitiu unha recomendación e unha petición á Consellería de Economía e Industria.

Así, segundo un comunicado do Valedor, os cidadáns expresan nas súas queixas a "preocupación" pola contaminación, a protección do medioambiente e o perigo dos bens arqueolóxicos, tras denunciar "dificultades" para acceder á información do impacto ambiental. O Valedor coincide co Defensor del Pueblo ao destacar a relevancia que tivo o informe do CSIC no que se alerta dos altos niveis de arsénico no río Anllóns.

O Valedor do Pobo comprométese a "completar as investigacións" que permanecen abertas "en breve prazo" e "velar pola protección dos dereitos dos veciños afectados en todos estes aspectos que lles preocupan".

Parte media e inferior da bacía do río Anllóns e o seu esteiro, coas zonas contaminadas © SGHN
Soledad Becerril, Defensora del Pueblo © DefensordelPueblo

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.