"O dereito á reprodución asistida non está garantido, depende da vontade dos profesionais"

Manifestación Orgullo LGTBI en Vigo, este ano CC-BY-NC-SA Galiza Contrainfo

O acceso das mulleres a programas de reprodución asistida na sanidade pública foi restrinxido o pasado ano a través dunha orde do Ministerio de Sanidade que privou deste dereito ás parellas lesbianas e a mulleres que desexasen levar a cabo o tratamento en solitario. A nova normativa reguladora da carteira de servizos comúns do Sistema Nacional de Saúde veu limitar este dereito a mulleres cunha parella masculina, ao esixir das pacientes "un mínimo de 12 meses de relacións sexuais con coito vaxinal sen emprego de métodos anticonceptivos".

Algunhas comunidades autónomas, como Andalucía, Catalunya, País Vasco, Estremadura ou a Comunidade Valenciana aprobaron distintos mecanismos para evitar esta perda de dereitos. Non o fixo así a Xunta, aínda que os centros sanitarios galegos seguiron proporcionando este servizo a mulleres soas e a parellas muller-muller. Cando menos, non houbo denuncias neste senso. Porén, dende distintos colectivos alértase da situación de "incerteza" creada, pois o inicio de novos tratamentos de fertilidade ou a continuación dos procesos xa en marcha depende na actualidade tan só da vontade e o compromiso dos hospitais e os prefesionais médicos, e as mulleres afectadas poden ser rexeitadas en calquera momento, atendendo a unha limitación de recursos orzamentarios ou de persoal, ou a unha recomendación da Consellaría.

Esta semana iniciouse en Madrid o primeiro xuízo pola negación a unha parella de mulleres lesbianas deste dereito

De feito, esta semana iniciouse en Madrid o primeiro xuízo pola negación a unha parella de mulleres lesbianas deste dereito. Non é o único caso. Dende hai meses, colectivos como Nós Mesmas, veñen dirixíndose á Consellaría de Sanidade pedindo unha xuntanza para tratar o asunto. Piden unha modificación da carteira de servizos básicos do SERGAS que asegure o dereito de todas as mulleres a un acceso gratuíto á reprodución asistida e evite posibles discriminacións. Elisabet Pérez salienta que "aínda que en Galicia se segue prestando o servizo, todo depende da vontade dos e das profesionais. O dereito á reprodución asistida non está garantido, só contamos coa vontade destas persoas, que nos están a aceptar nas listas, e que non lle ven sentido a esta medida tan discriminatoria". "A orde ministerial é totalmente denigrante, cando un dos requisitos é que leves un ano mantendo relacións con penetración", di.

Nove meses despois da primeira solicitude de reunión, a asociación non recibiu resposta ningunha por parte da Consellaría. En consecuencia Nós Mesmas presentou unha queixa ante o Valedor do Pobo, que por dúas veces tamén se dirixiu ao SERGAS, sen recibir tampouco resposta. A Lei de igualdade de trato de lesbianas, gays, transexuais, bisexuais e intersexuais en Galicia atribúelle ao Valedor funcións específicas en relación con esta comunidade, que van desde prestar apoio ás persoas que puidesen ter sufrido discriminación ata servirlles como órgano de mediación, iniciar de oficio investigacións ou instar a actuación das administracións públicas. A limitación do acceso de mulleres lesbianas ou soas a programas públicos de reprodución asistida foi unha das situacións que o Valedor denunciou este verán no informe A situación das persoas lesbianas, gays, transexuais, bisexuais e intersexuais en Galicia. A nova Valedora, Milagros Otero, anunciou que se vai dirixir por terceira vez ao Goberno galego para comunicar esta queixa.

"O dereito á reprodución asistida non está garantido, só contamos coa vontade destas persoas, que nos están a aceptar nas listas"

"Así estamos, sen resposta, e esperando que non suceda nada malo, como lle pasou á parella que esta semana iniciou o xuízo en Madrid" -afirma Elísabet Pérez- "Esiximos do Goberno galego unha decisión, como si fixeron outras comunidades, que anunciaron que non ían acatar esta orde, e aplicaron medidas para asegurar o dereito das mulleres solteiras e das parellas lesbianas que queren formar unha familia".

 

Método ROPA, en clínicas privadas

A supresión do dereito dun gran número de mulleres ao acceso gratuíto a tratamentos de reprodución asistida na sanidade pública podería obrigalas a recorrer a clínicas privadas. Nalgúns destes centros, ademais, ofrécense servizos de fecundación in vitro moi demandados por parellas lesbianas que ata agora -mesmo antes da restritiva orde do pasado ano- tiñan dificultades para atopar no sistema nacional de saúde. Por exemplo, a técnica ROPA (Recepción de Ovocitos da Parella), que permite que unha muller proporcione o óvulo e que a outra o xeste no seu útero.

Zygos, centro de reprodución situado en Santiago de Compostela e que practica esta técnica, explica o proceso: “Primeiramente realízase un tratamento de estimulación ovárica nun dos membros da parella. Posteriormente, extráense os ovocitos, que se fecundan no laboratorio de FIV con seme de doante. Unha vez que estes evolucionan a embrións, transfírense ao útero da outra muller. Desta forma, ambas as mulleres colaboran na maternidade: Unha achega os óvulos e a outra realiza a xestación. Trátase así dun proceso no que ambas se senten implicadas e corresponsables. O neno pertence á parella desde o momento do nacemento".

Manifestación Orgullo LGTBI en Vigo, este ano CC-BY-NC-SA Galiza Contrainfo
Manifestación Orgullo LGTBI en Vigo, este ano CC-BY-NC-SA Galiza Contrainfo

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.