O derrubo da Casa Gótica de Betanzos queda sen castigo, ao carecer "de singular protección"

Porta medieval en Betanzos © vectorlw

A demolición da fachada da Casa Gótica de Betanzos, de 600 anos de antigüidade, e un dos símbolos do casco histórico da vila, sairalle de balde ao seu responsable, cando menos de momento. Case seis anos despois de que o propietario, José Luis Lousa, levase a cabo o seu derrube e de que o Concello iniciase un proceso xudicial contra el, demandado o pago dunha forte multa e a restauración completa do inmoble, o Xulgado do Penal nº 4 da Coruña vén de facer pública a sentenza, absolutoria para o propietario.

O fallo considera probado que o propietario “malia coñecer o valor arquitectónico" do inmoble, provocou "un grave dano ao patrimonio histórico”, derrubando e realizando posteriormente o desmonte de gran parte da fachada "de maneira sistemática"

No fallo considera probado que o propietario “malia coñecer o valor arquitectónico" do inmoble, provocou "un grave dano ao patrimonio histórico”, derrubando e realizando posteriormente o desmonte de gran parte da fachada "de maneira sistemática". Ademais, declara que durante anos e “sen licencia de tipo ningún”, realizou unha serie de “manipulacións que acabaron coa fachada principal desmontada, agás a parte correspondente ao primeiro piso, mantendo en pé tan só a fachada lateral, apuntalada e nun estado deplorable”. A sentenza tamén subliña que o propietario “non efectuou as medidas de conservación oportunas e permitiu o deterioro do inmoble" e que non respetou “as ordes emitidas polo Concello de Betanzos”.

Porén, e a pesar de todos estes argumentos, a mesma sentenza salienta que o edificio, pois a pesar de estar situado dentro do perímetro do Conxunto Histórico Artístico de Betanzos, protexido dende 1970, “non foi obxecto dunha singular protección” por non ter sido declarado “de forma individualizada” como Ben de Interese Cultural e, polo tanto, conclúe o fallo, “non procede a condena ao acusado como autor dun delicto do artigo 321 do Código Penal”, que persegue a quen "derribe ou altere gravemente edificios singularmente protexidos". A xuíza aclara que só entra a valorar este delicto que se lle imputaba, e non outros posibles, coma o de "desobediencia", que non fora plantexado pola acusación, o Concello de Betanzos, e que si podería conducir a un castigo ao responsable deste desastre patrimonial. O Concello pode interpoñer agora un recurso de apelación ante a Audiencia Provincial.

A xuíza aclara que só entra a valorar este delicto que se lle imputaba, e non outros posibles, coma o de "desobediencia", que non fora plantexado pola acusación

A Casa Gótica foi construída no século XV para o rexedor Lope García de Vilousaz. Segundo a ficha 253 do Plano Especial de Protección e Ordenación do Casco Histórico de Betanzos, só se permitía realizar nela obras destinadas á rehabilitación, conservando sempre a estrutura e materiais do seu exterior. José Luis Lousa adquiriuna en 1991 para convertela na súa vivenda e estudio. Afirma que o estado do inmoble era moi malo, "con ratas suficientes para encher todo Betanzos" e que fixo "todo o que puido" até que en 2007 quedou sen traballo e polo tanto sen capacidade económica para rehabilitar a casa.

Segundo a ficha 253 do Plano Especial de Protección e Ordenación do Casco Histórico de Betanzos, só se permitía realizar nela obras destinadas á rehabilitación, conservando sempre a estrutura e materiais do seu exterior

O xuízo desenvolveuse ao longo do pasado mes de novembro. Nel, a acusación pedía para o propietario a imposición dunha multa de 10.800 euros e a obrigac de restaurar a vivenda depositando previamente o custe mínimo das obras, cuantificadas en 61.939 euros. Pola contra, a defensa acollíase ao argumento, finalmente aceptado, de que o edificio non ten unha protección singular e de que a fachada non fora "demolida", senón "desmontada" para evitar accidentes e que o propietario conserva, numeradas, todas as pezas.

Porta medieval en Betanzos © vectorlw
Imaxe da muralla medieval de Betanzos CC-BY Jose Luis Cernadas Iglesias

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.