O desaloxo de Elisabeth podería producirse a finais de novembro

Faixa de Stop Desafiuzamentos na vivenda de Elisabeth © Stop Desafiuzamentos A Coruña

Elisabeth Sanlés, a muller da Coruña cuxo desaloxo foi paralizado pola presión cidadá o pasado 8 de outubro, podería ser forzada de novo a abandonar a súa vivenda a finais de novembro. Así o denuncia Stop Desafiuzamentos, que afirma que "as diferentes institucións responsábeis de velar polo dereito á vivenda, a día de hoxe non garantido, foron incapaces de xestionar non so unha solución particular no caso concreto de Elisabeth".

Stop Desafiuzamentos critica que nos últimos meses o departamento de Servizos Sociais da Coruña só lle ofreceu como alternativas a institución benéfica Padre Rubinos e a Casa de Acollida para mulleres maltratadas, onde sería separada dos seus fillos

Sofre fibromialxia, ten tres fillos e cobra 216 euros ao mes, polo que non pode facer fronte ao pago do aluguer. Stop Desafiuzamentos critica que nos últimos meses o departamento de Servizos Sociais da Coruña só lle ofreceu como alternativas a institución benéfica Padre Rubinos e a Casa de Acollida para mulleres maltratadas, onde sería separada dos seus fillos. "Os supostos servizos sociais que todas e todos sufragamos cos nosos impostos non so están a brillar pola súa ausencia, senón que insisten en tratar un dereito básico como o da vivenda coma se se tratase dun ben caritativo nas mans da beneficencia", sinala Stop Desafiuzamentos, "as únicas solucións que a día de hoxe proporcionarían a calquera familia ou persoa que se atopara na mesma situación que Elisabeth".

Tamén critican que o Instituto Galego de Vivenda e Solo, "que supostamente é un organismo público responsabilizado de garantir" o dereito á vivenda, "terxiversa a súa propia misión establecendo un disuatorio procedemento administrativo interminábel e farragoso, onde o papeleo, a espera e a esixencia burocrática configuran o marco de relacións sociais coas que facer pasar o tempo". Tamén lamenta que aínda que "o titular do Xulgado de Primeira Instancia nº9 aprecia a vulnerabilidade social de Elisabeth", non suspende temporalmente o desafiuzamento. "Segue repetindo que 'no hay base legal' para algo tan sinxelo e humano como evitar que esta muller quede sen fogar".

Pide que "cando menos esta vez" se "comunique o desaloxo coa debida antelación"

Stop Desafiuzamentos pide que "cando menos esta vez" se "comunique o desaloxo coa debida antelación" e alertan "á cidadanía que parou o desafiuzamento de Elisabeth o pasado 8 de outubro para que estea pendente dunha nova data de desafiuzamento".

Faixa de Stop Desafiuzamentos na vivenda de Elisabeth © Stop Desafiuzamentos A Coruña

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.