Isabel Vilalba é secretaria xeral do Sindicato Labrego Galego (SLG) e muller labrega. Coñece como poucas as desigualdades que elas sofren, tamén -e ás veces de maneira máis acentuada- no agro, onde segue sen desenvolverse a lei de cotitularidade. Desde 2011, as labregas poden figurar como cotitulares, xunto á súa parella, do negocio familiar de explotación agraria, polo que os seus rendementos económicos e subvencións repartiríanse ao 50%. Na práctica, e por falta do desenvolvemento desta lexislación, a maioría das mulleres seguen traballando no agro sen ningún recoñecemento legal do seu emprego, unha problemática máis para o xénero feminino nun mundo rural onde o desmantelamento dos servizos públicos e o empeoramento das condicións de vida fan máis difícil un futuro tan alentador como pouco favorecido. É unha máis das reivindicacións que se escoitarán neste 8 de marzo.
Hai un ano, e con motivo do 8 de marzo, vostede e o SLG reivindicaban o desenvolvemento dunha lei de cotitularidade que non estaba a ser efectiva. Cambiou algo doce meses despois?
Un ano despois, constatamos unha clara falta de interese por esta lei. A lexislación está, pero na súa posta en marcha non se fixo nada para fixar os criterios para a implantación. Cando nos diriximos a facer os trámites ás administracións, o que nos transmiten a metade das veces é que non coñecen ben a lexislación e que os criterios non están claros. En definitiva, que non houbo interese por desenvolver esta lei. Hai casos nos que nos din que fagamos os trámites como se constituísemos unha sociedade civil, cando sabemos que esta é unha figura totalmente diferente.
"Non houbo interese ningún por desenvolver a lei de cotitularidade"
As dúbidas botan para atrás as mulleres que tiñan pensado acollerse a esta lei?
Esta incertidume provoca que moitas mulleres non dean o paso para a súa tramitación. É unha lexislación pola que non apostou a administración galega, que non a quixo desenvolver. Temos unha morea de expedientes presentados que están por desenvolver e sen rematar.
Falta máis información ou máis vontade política?
A lei da titularidade compartida habilita un proceso novo e diferente dos anteriores, que se baseaban en persoas físicas propietarias ou en sociedades. As axencias rurais ou Facenda traballan con estes referentes, pero a titularidade compartida consiste en que a dúas persoas se lles recoñeza a titularidade en igualdade. A realidade é que só é un recoñecemento legal do existente, de que detrás das explotacións non hai unha persoa, senón dúas que teñen dereitos. Ao ser novo, non hai directrices desde as administracións para desenvolvela e todo son dificultades. Aquí o problema é que non cren en que exista problema e tampouco que esta figura sexa necesaria. Eu preguntaríalles que é o que segue pasando coa cantidade de mulleres que traballan nun lugar, pero que non teñen nada ao seu nome, que non teñen ingresos propios ou que acaban loitando nos tribunais por calquera atranco. Para nós, a necesidade está clara, pero desde o ámbito competencial correspondente teñen que desenvolver os trámites. Non pode ser que nos digan que non saben como funciona.
"As administracións non cren que a lei de cotitularidade sexa necesaria porque tampouco cren que exista un problema"
E todo se ten que facer co permiso do home e coa sinatura...
Esa é outra parte. Sen a sinatura do home non vai haber recoñecemento da titularidade compartida. É unha grande anomalía porque en ningún lugar se debería pedir o permiso doutra persoa para un dereito que tes adquirido e que demostras. Que che teña que dar permiso un home para reclamar isto segue a ser unha demostración clara da discriminación que sofren as mulleres neste ámbito.
En definitiva, a lei non arranxou problema ningún.
Temos expedientes solicitados e non temos ningún rematado. As administracións non están preparadas para esta figura nova e tampouco amosan interese por estalo. As persoas volven para a casa cheas de dúbidas e non é culpa de cada delegación, senón de quen non fixo o traballo de desenvolver este proceso.
"Estamos vivindo un retroceso en canto á cotización e ás pensións futuras para as mulleres do agro; a situación é aínda peor que antes"
Os datos indican que tan só un 5% das mulleres labregas se xubilarán coa pensión completa, fronte a un 80% dos seus compañeiros. Mellorou algo esta situación?
No tema de figurar fóra da titularidade, a problemática segue a ser igual que hai vinte anos porque, malia existir un marco legal, non houbo desenvolvemento ningún. En canto ás pensións no agro, creo que estamos mesmo vivindo un retroceso. Nestes últimos tempos, incrementáronse moito os custos de cotización na Seguridade Social o que, unido á crise, aos impagos e aos prezos baixos que sofren as explotacións, provoca que acotío nos chamen ao sindicato mulleres advertindo de que deixan de cotizar porque non teñen recursos.
E a falta de recursos acaba por afectar fundamentalmente a muller...
Afecta sobre todo as mulleres porque hai unha situación de desigualdade histórica e en moitas explotacións, cando un dos membros ten que deixar de cotizar, o primeiro que o fai é a muller. Nós intentamos que se aplicase un modelo de cotización en relación cos ingresos percibidos e que se recoñecese esta realidade, pero tampouco hai sensibilidade ningunha con esta situación. De feito, incluso houbo casos nos que a propia Seguridade Social acusa de fraude a algunhas altas porque hai poucos ingresos. Efectivamente, se cadra pouco máis se gaña que para pagar o seguro, pero iso non é unha fraude, é un problema social ao que hai que poñerlle solución. En canto á cotización e ás pensións futuras, creo que estamos a vivir un gran retroceso que se agrava porque hai un sistema que cada vez pide máis cotizacion.
É peor a situación das mulleres no agro ou nas cidades?
Non sabería dicir. As persoas do agro estamos a vivir un grande empobrecemento pola diminución de recursos e porque temos menos servizos e máis custos, pero tamén é certo que en moitos lugares do agro, a posibilidade de xerar ingresos e ter moitas das necesidades alimentarias cubertas supón unha importante ferramenta en tempos de crise. É certo que nas cidades se cadra tampouco hai tantas posibilidades de facer a vida máis asequible ou de xerar ingresos propios, aínda que sexan reducidos, unha vez que perdes o traballo. Hai fortalezas e debilidades, pero é certo que vivimos nun medio no que hai unha aposta clara por desmantelar os servizos públicos.
"Hai un desmantelamento dos servizos e un empeoramento das condicións de vida no rural que afecta especialmente as mulleres"
Como cales?
Un exemplo claro é o modelo de sanidade do Goberno galego, onde se diminúen os recursos e os medios para toda a poboación, pero onde hai un ataque aínda máis virulento en canto ás dotacións que existían para o medio rural. Os hospitais comarcais están a sufrir un desmantelamento enorme e estanse recentralizando medios que antes estaban máis perto da cidadanía. É o que está a ocorrer coas áreas sanitarias de Valdeorras, Monforte ou A Mariña. Hai un empeoramento moito máis profundo das condicións de vida no medio rural e isto afecta especialmente as mulleres.
A crise está a provocar que moitas familias aposten polo agro en lugar de buscar o futuro noutras zonas?
Si é certo que hai moitas persoas que levan tempo en paro que ven no rural unha posibilidade de autoemprego e que incluso retornan ao agro. Había unha dinámica de perda de poboación importante que semella que está a diminuír un pouco. Creo que o agro ten moitas posibilidades de futuro, pero tampouco hai políticas axeitadas para favorecer o seu desenvolvemento.
É o agro unha opción tamén para as mulleres?
Moitas das mulleres, historicamente, tiveron este tipo de actividade e si que é certo que moitas ven nesta economía de transformación alimentaria unha posibilidade. Na crise actual, o rural podería estar achegando moitas máis saídas das que achega ás mulleres e a todo o mundo. Galicia ten recoñecida a calidade dos seus alimentos e traballando para darlles valor engadido poderíanse xerar moitos empregos, pero estase apostando polo contrario. Ademais, a nivel de calidade de vida, as persoas poden atopar no campo valores moi positivos. No entanto, precisamos un marco xurídico apropiado para vivir con dignidade e con dereitos, unha aposta polas actividades que se poden acometer neste terreo e tamén que as infraestruturas sexan axeitadas e que non nos demantelen o rural, as escolas, a sanidade, os servizos sociais...
"O sistema económico actual pon o beneficio do capital por riba das persoas e isto afecta as mulleres cada día"
E máis igualdade.
Este plantexamento debe facerse en igualdade. Vemos tamén como se desmantelan os exiguos recursos que tiñamos para loitar contra a violencia que afecta as mulleres, para promover programas de igualdade... Hai que apostar, pero revertir totalmente o que se está facendo até o de agora.
O sistema económico actual segue a incidir na discriminación das mulleres?
O neoliberalismo ataca frontalmente as mulleres e as súas condicións de vida por todo o que levamos relatando nesta entrevista. Baséase en que parte do mantemento da sociedade se faga coas mulleres, pero non con condicións axeitadas para elas. Ao final, actividades importantes que poderían xerar riqueza para moitas persoas, o que buscan son beneficios para o capital, para dúas ou tres firmas. En xeral, este sistema pon o beneficio do do capital por riba das persoas e isto vemos como afecta as mulleres cada día.