O enorme custo social da reforma local

Dous anciáns agárranse da man CC-BY-SA Praza Pública

A reforma local camiña cara ao inicio do seu trámite parlamentario acumulando rexeitamentos e sen máis apoio que os dun Goberno central que presenta un proxecto de Lei de racionalización e sostibilidade da Administración Local que ten enfronte a alcaldes de toda cor política. Os rexedores galegos insisten en que os municipios de menos de 20.000 habitantes quedarán practicamente sen competencias por mor dun proceso que cualifican de "recentralizador, privatizador e de perda de autonomía local". A Fegamp uniu tamén a súa voz en contra dunha iniciativa que, advirten, "ignora a realidade de Galicia", un país que, pola súa dispersión poboacional e polo seu envellecemento, ve perigar os servizos sociais máis achegados e máis necesarios para a cidadanía. Agora, é o terceiro sector o que engade a súa voz de alarma ante a reforma.

Traballadores e educadores sociais ven na reforma a fin do modelo actual de política social e á volta "ao asistencialismo e a beneficiencia"

Traballadores e educadores sociais advirten das negativas consecuencias sociais dun proxecto que provocará "un profundo cambio de modelo das políticas sociais" e que incidirá de forma irremediable "na concepción da atención social á cidadanía, tal e como estaba configurada ata o día de hoxe”. Así o advertiu a pasada semana Diana María Parada, presidenta en funcións do Colexio Oficial de Traballo Social de Galicia (Cotsg). Agora é o Consello Xeral de Colexios Oficiais de Educadores e Educadoras Sociais (Cgcees) o que insiste nos riscos dunha reforma local "inspirada no retorno a modelos asistencialistas e de beneficencia" e que "desmonta o actual sistema baseado nos dereitos sociais" e o cada vez máis golpeado modelo do Estado de benestar. 

"Está baseada na rendibilidade económica, deixando á marxe a rendibilidade social e os intereses e as necesidades das persoas, grupos e comunidades", insiste o Cgcees. O galego Alberto Fernández, o seu presidente, advirte a Praza que nesta lei "subxace o único interese de aplicar a austeridade e axustar custos, sen ter en conta os custos sociais que terá". "Quitarlles aos concellos as competencias en certos servizos supón un grave problema e implica volver a un sistema asistencialista e de beneficiencia para os servizos sociais, que perderían calidade e cuxos beneficiarios se restrinxirían unicamente a xente moi marxinal", engade. Outro golpe á cohesión social e ao estado de benestar.

"É unha reforma cun único criterio, o economicista, que non ten en conta os enormes custos sociais que suporá"

Desde o Cotsg aclaran que son "partidarios duns bos servizos sociais e non duns servizos sociais máis baratos, o cal ninguén demostrou aínda que poida facerse sen ir contra a redución de salarios dos profesionais, contra os postos de traballo ou contra a redución das prestacións sociais”. Na dependencia, segundo alerta Diana Parada, hai un exemplo "ben claro e ben recente" do que pode supor esta reforma local. "É unha reforma cun único criterio, o economicista, que non ten en conta as graves consecuencias dos recortes", recorda Alberto Fernández.

Un paso máis dentro dese programa de estabilidade exixido pola troika, como advirten varios alcaldes, como Severino Rodríguez, rexedor de Monforte. "Primeiro foron a pola sanidade, a educación e os servizos sociais, e agora tócalle á administración local", que de paso levará por diante outra boa morea dos servizos sociais máis achegados ao cidadán.

A clave da reforma está nese "custo efectivo" dos servizos sobre o que o Goberno central pretende exercer agora un estrito control. Se o custo efectivo dun servizo que non é competencia do Concello, e que é prestado por este, é superior ao que pode ofrecer outra administración, suprímese este servizo. No caso dunha competencia do Concello, se o custo efectivo do servizo é superior, será asumido pola Deputación se o municipio ten menos de 20.000 habitantes e pasa a depender da administración. En definitiva, primar o prezo sobre a eficiencia, a calidade do servizo e a asistencia social.

O Goberno exercerá un estrito control sobre o gasto, impedindo aos concellos endebedarse para pagar os servizos sociais e facilitando a súa privatización

 

O teito de gasto e o afastamento dos servizos

A situación aínda é máis grave tendo en conta o estrito topo de gasto ao que xa están sometido os concellos e que sería aumentado coa reforma local. Xa actualmente, todo ingreso que supere o límite marcado tense que dedicar a rebaixar a débeda cos bancos, polo que non é posibile solicitar crédito ningún, aínda que o municipio non teña problema ningún de tesoureiría ou pacte cos bancos prazos flexibles de pagamento. Deste xeito, ábrese un camiño libre á privatización dos servizos sociais prestados polos concellos, xa que as empresas si que van ter acceso a eses préstamos. É iso, ou deixalos nas mans da comunidade autónoma ou das deputacións -entes estes fortemente criticados pola súa opaca xestión e discrecionalidade- e, xa que logo, afastándoos do cidadán e impedindo esa proximidade necesaria, máis aínda nunha poboación tan dispersa e rural como a galega.

"Rompe co principio de proximidade e subsidiaridade na prestación de servizos aos habitantes dos concellos"

"Un dos riscos máis patentes da aplicación da reforma local é romper co principio de proximidade e subsidiariedade na prestación de servizos aos habitantes dos municipios. A prestación dos servizos sociais debe realizarse dende o ámbito máis próximo ás persoas, favorecendo a permanencia no seu ámbito habitual de convivencia e a integración activa na vida da súa comunidade e a participación destas", advirten os educadores sociais, nunha crítica na que coinciden cos traballadores sociais. O Cotsg incide na “proximidade”, exixible non só como concepto territorial, senón como “coñecemento da situación das persoas, das familias, dos grupos en situación de discriminación ou desvantaxe social”. Por iso, advirte de que os concellos "facilitan, permiten e potencian esta necesaria proximidade".

"Desde hai anos vanse asentando uns servizos sociais próximos e achegados ao cidadán, pero esta lei vai no camiño contrario, no de afastalos dos concellos, aos que queren expulsar dun sistema no que rexían uns servizos de calidade e financiados para situalos nas deputacións ou nas autonomías sen determinar como se van xestionar, desde onde e con que grao de coordinación e fondos", engade Alberto Fernández.

“Os servizos sociais comunitarios non poden deixar de ser públicos, vai contra a lóxica da sociedade de benestar e vai contra a lóxica económica”

“Os servizos sociais comunitarios non poden deixar de ser públicos, vai contra a lóxica da sociedade de benestar e vai contra a lóxica económica”, advirte tamén Diana Parada, que insiste en que sacar adiante a reforma local tal e como está "potencia a privatización dos servizos sociais de base, co argumento dos criterios económicos, cando todos e todas sabemos que o privado non ten que ser máis barato que o público”. No punto de mira, a atención á dependencia, as axudas a domicilio para os maiores, os centros da terceira idade, as casas da xuventude... Servizos básicos, máis aínda no rural, que están en perigo.

Ante esta situación, o Consello Xeral de Colexios Oficiais de Educadores e Educadoras Sociais entregou esta semana no Congreso dos Deputados as súas alegacións ao proxecto de reforma local e exixe "a súa retirada ou modificación substancial". Ademais, ofreceuse aos grupos parlamentariospara mellorar a iniciativa "porque, que de ser aprobada nos termos nos que está redactada, será absolutamente negativa para as políticas sociais do Estado".

Imaxe dun centro de maiores na Coruña © Xunta
Un neno, con dúas anciás nun centro de maiores © CEIP 2 de Tui

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.