O ensino galego volve saír á rúa contra a Lomce e as reválidas

Manifestación en Compostela contra a Lomce Dominio Público @En_Marea

Varias manifestacións percorreran xa esta mañá as rúas de cidades galegas. Estudantes e docentes rexeitaron así a Lomce e o modelo de reválidas que implantou o Executivo do Partido Popular nunha xornada de folga da comunidade educativa apoiada pola Plataforma en Defensa do Ensino Público de Galicia (integrada por Confapa-Galicia, Ensino-CCOO, UGT, Sindicato de Estudantes, IESGA e Escola Viva) e polo STEG. 

Fóra as reválidas franquistas. Sindicato de Estudiantes. Foi a pancarta que se puido ler na cabeceira da marcha que saíu ao mediodía da Alameda de Santiago de Compostela e á que asistiron diferentes representantes políticos, entre eles o portavoz de En Marea no Parlamento, Luís Villares, conboa parte do grupo parlamentario, e o seu homólogo do PSdeG, Xaquín Fernández Leiceaga. A Lomce ao Wertedoiro o As reválidas que as faga Fakejoo foron outros dos lemas empregados nos cartaces da manifestación

Villares e Leiceaga apoiaron a manifestación que percorreu as rúas de Compostela

Á mesma hora outras marchas percorreron tamén cidades como Ferrol, A Coruña e Vigo e vilas como Muros, mentres que á tarde están previstas outras mobilizacións en varias localidades. Tamén á tarde, a Plataforma Galega en Defensa do Ensino Público, que non secunda a folga que se celebraa nivel estatal, convoca concentracións en todas as urbes, ademais de en Carballo, Cee e Vilagarcía, unha semana despois de amosar o seu rexeitamento á Lomce con numerosas protestas en centros de ensino de numerosas comarcas. De novo, os dous colectivos non amosaron a unidade de acción e volveron celebrar actos separados contra a política educativa do PP, como vén sucedendo nos últimos anos.  

As dúas plataformas en defensa do ensino público de Galicia volveron  manifestarse separadas e sen unidade de acción

O Sindicato de Estudantes cifra nun 90% o seguimento da folga en ESO e Bacharelato.  Desde En Marea, amosaron o seu apoio á mobilización de hoxe contra unhas reválidas que consideran "unhas probas segregatorias que fomentan a competencia entre centros, expulsan do sistema a determinado alumnado e non fomentan os valores de igualdade e de formación de calidade". Ademais, solicita "a paralización inmediata da  LOMCE e a volta dun modelo lingüístico que supoña o coñecemento completo das dúas linguas no ensino, unha verdadeira participación democrática da comunidade educativa e a Xunta".

Pola súa banda, o PSdeG reclama a paralización da lei e  unha norma educativa "de consenso". Leiceaga sinala que a posición minoritaria do PP “vai permitir que a Lomce sexa derrogada ou modificada notablemente”.

Manifestación en Vigo contra a Lomce Dominio Público @En_Marea
Manifestación contra a Lomce na Coruña Dominio Público @gzcontrainfo

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.