A maioría absoluta do PP rexeitou a súa proposta de darlle maior protección aos doentes de cancro e a incapacidade permanente durante o seu tratamento e este pasado xoves, a Seguridade Social tampouco cedeu. Ante o xuíz, argumentou que a galega Beatriz Figueroa é apta para traballar porque o tumor que sofre está controlado e non ten en conta o duro tratamento, ese que permite o control da súa enfermidade.
A Seguridade Social argumenta que Beatriz Figueroa é apta para traballar porque o tumor está controlado
A avogada e xornalista viguesa, Beatriz Figueroa, leva na loita tres anos. Vén de presentar medio millón de sinaturas ante o Congreso dos Deputados, onde presenciou como tan só o Partido Popular votaba en contra da toma en consideración da súa proposta -presentada polo BNG- na que solicita a incapacidade permanente, non definitiva, para os doentes de cancro sometidos a un tratamento e mentres non se produza a súa curación. Ese é o seu caso e a súa petición, coa que insistiu no xulgado número 3 do social de Vigo na súa causa contra o Instituto Nacional da Seguridade Social (INSS). Unha reclamación que lle foi negada en tres ocasións xa.
O pasado xoves, o avogado do INSS rexeitou a proposta de Beatriz Figueroa, avalada por milleiros de sinaturas e apoiada por toda a oposición -cando menos para empezar a negociar un cambio lexislativo-, malia que recoñece que Figuera ten unha doenza oncolóxica e un trastorno psíquico estabilizado. Sofre dores e malestar derivados do duro tratamento, pero o Estado asegura que "non se aprecian nin deducen datos obxectivos" que o demostren. Asegura tamén que a doenza "non é relevante ou non se pode valorar" respecto á súa capacidade para traballar na súa profesión de xerente e organizadora de eventos.
O Estado asegura que a súa doenza "non é relevante ou non se pode valorar"
A galega aspira a recibir unha pensión de 550 euros ao mes en concepto de incapacidade total, uns 125 euros máis que o que recibe na actualidade: 426 euros. Non é moito, pero a súa loita inspira moitos outros enfermos e lidera unha reivindicación estendida de milleiros de casos que os que os sofren só coñecen ao atoparse nesta sitaución. A instauración do copago acabou por complicar máis a vida de Figueroa, que resumiu en Praza o seu caso e o doutros moitos.
Segundo o perito citado polo INSS, Beatriz Figueroa tan só estaría limitada para certas tarefas, malia recoñecer que ten problemas de saúde desde hai anos e tras lembrar que foi operada en dúas ocasións. Non podería asumir responsabilidades, asúmese. Precisamente, que se recoñezan as súas limitacións é o que a fai manter a esperanza. A dela e a de ducias de persoas que a acompañaron no xuízo. Desde colectivos sociais ata sindicatos, pasando por cidadáns do común.
"Como queren que traballe se a Seguridade Social recoñece que non podo asumir responsabilidades", asegurou onte Beatriz Figueroa, que rexeitou o argumento do INSS de que non hai indicios de que o tumor reapareza. "Non os hai porque estou a tratamento, que é o que me produce estas dores e debilidade que me invalidan absolutamente", insistiu, tras recordar que os doentes de cancro non solicitan a incapacidade para toda a vida, senón unha protección económica mentres se curan e recuperan.
A galega leva máis de tres anos loitando por unha maior protección para os enfermos de cancro
A historia de Beatriz é dura. No mes de marzo de 2011, diagnosticábanlle cancro de mama. Despois de perder o seu traballo e dunha depresión, pasa dúas veces polo quirófano, maio de 2011 e maio de 2012, por un proceso de quimioterapia. Ao esgotar a prestación por desemprego, solicitou o pago directo ao INSS por incapacidade temporal, pero malia ter cotizado máis de 20 anos, e unha vez rematada a prestación, recibe unicamente eses 426 euros que, segundo a propia Administración di, son dabondo para as “necesidades de vivenda, alimentación e vestido", polo que son incompatíbeis outras axudas económicas complementarias. Esta é a única axuda que recibe, pero o medicamentazo aplicado polo Goberno auméntalle as dificultades ao non estar exenta do pago do 40% das menciñas.
Beatriz Figueroa incluso apostou por levar adiante unha folga de fame do 21 de maio ao 21 de xuño do 2013, que os médicos lle aconsellaron deixar polo seu feble estado de saúde. Logo decidiu cambiar de táctica e lanzou, en xaneiro deste ano, a iniciativa en Change.org para recoller sinaturas a prol dunha proposta lexislativa, elaborada polo catedrático de Dereito do Traballo da Universidade de Vigo, Jaime Cabeza. Nela aclárase que a Lei Xeral da Seguridade Social ten que ser modificada para outorgar unha protección especial ás persoas doentes de carcinoma que lles dea "unha seguridade xurídica e económica”. Todos os partidos aceptaron tomar en consideración a proposta para modificar a normativa. Todos agás o PP, que rexeitou calquera cambio.