Primeiro exame superado no Congreso para a reforma da Lei de Hidrocarburos que impulsa o fracking e que pretende recentralizar as competencias para evitar o veto que desde algunhas autonomías xurdiu contra a polémica fractura hidráulica, rexeitada xa por varios territorios. Xa na pasada semana, o proxecto de lei de reforma da norma superou a primeira proba grazas aos votos de PP, PNV, Foro Asturias e UPN, que tombaron as emendas á totalidade no pleno do Congreso, mentres CiU e UPyD se abstiveron.
PSOE, Izquierda Plural e o BNG, ademais do resto do Grupo Mixto, reclamaron a retirada do proxecto, argumentando fundamentalmente a súa oposición por insistir nun modelo "caducado" baseado nos hidrocarburos e non nas renovábeis, por non contemplar medidas de estímulo á competencia no sector enerxético nin protección dos consumidores e polo seu impulso ao polémico fracking.
Os votos de PP e PNV tombaron as emendas á totalidade da reforma da Lei de Hidrocarburos que impulsa e regula o 'fracking'
Precisamente, é este impulso ao fracking -ou máis ben a regulación da fractura hidráulica que non existía- o elemento máis polémico dunha reforma que indignou o Bloque, que xa na súa intervención no pleno acusou o Goberno central de "tirar ao lixo a Memoria 2014 da Defensora do Pobo, na que se recomenda avaliar os riscos para a saúde que conlevan estas prácticas”, ademais de censurar que obviase tamén o Informe do Instituto Xeolóxico e Mineiro sobre os riscos deste método.
“Un informe que contén as recomendacións ambientais en relación ás medidas preventivas e correctoras a considerar en proxectos relacionados coa explotación de hidrocarburos mediante o fracking, que foi rexeitado de raiz polas empresas que presionan o Goberno”, sinalou Rosana Pérez, que acusou o Executivo de alizarse coas empresas e ocultar os riscos deste método, como a contaminación das augas, a emisión de contaminantes á atmosfera ou a sismicidade inducida, entre outros moitos.
Madrid quere regular a fractura hidráulica e evitar así o veto autonómico -como o de Navarra ou Cantabria-, que tivo que botar abaixo recorrendo ao Constitucional
Pero Rosana Pérez lembra que o esencial da norma é, precisamente, regular o que non estaba regulado, favorecer a introdución do fracking e evitar o veto a un método que estaba a chegar xa desde varias autonomías. "A fractura hidráulica non estaba regulada, pero houbo autonomías como Cantabria, Navarra, Cataluña ou A Rioxa que, dentro das súas competencias, intentaron regular esta práctica para prohibila nos seus territorios; o Goberno español interpuxo recurso e o Constitucional botou abaixo as leis autonómicas", lembra a Praza a deputada nacionalista, que asegura que o Executivo "leva a cabo a refomra dunha lei xa existente" para evitar tamén unha rebelión "que ía in crescendo".
Galicia non foi das que intentou vetar o fracking, pero o Parlamento si instou en varias ocasións a Xunta a que o regulase para evitar calquera risco ou asegurar a súa -improbable- seguridade absoluta. Así, a Cámara aprobou por unanimidade pedir ao Executivo galego que "acordase unha moratoria para a utilización da técnica da fractura hidráulica en Galicia mentres non se garanta a seguridade e inocuidade desta técnica para o medio ambiente e as persoas de acordo coa lexislación básica que a desenvolva".
O Parlamento galego instou a Xunta a unha moratoria para o 'fracking' e a non autorizalo sen que se regulen as recomendacións da UE
Xa en setembro do ano pasado, noutra proposición de AGE admitida, o Parlamento instou a Xunta a "non ditar resolución favorable e suspender os procedementos de avaliación ambiental de proxectos de fracking que, no seu caso, sexan solicitados, ata que non se desenvolva normativamente as recomendacións contidas na Recomendación 2014/70/UE”, que pide un requisitos mínimos para a exploración e produción de hidrocarburos mediante esta técnica.
Pero ademais, esta reforma legal tamén establece un novo Imposto sobre o Valor da Extración de Gas, Petróleo e Condensados co que se pretende beneficiar as autonomías e os concellos, "pero que só se determina na produción de hidrocarburos". Para Rosana Pérez, estes incentivos non son máis que o intento de "acalar a habitual protesta social nas zonas posiblemente afectadas polo fracking" a través dun "caramelo" para "comprar a cidadanía". E faino o Goberno central, segundo critica, "cunha intromisión nas lexislacións e competencias autonómicas", demostrando, de novo, "o seu exacerbado centralismo".
A lei establece un imposto para compensar os concellos e as autonomías que o BNG ve como un "caramelo" para "calar a protesta cidadá"
"Se houbese intención en Galicia de introducir a fractura hidráulica, as administracións autonómicas estarían a expensas do que decidise o Estado", insiste en advertir a parlamentaria do BNG en Madrid, que cre que, unha vez máis, o Executivo central "cedeu ás presións das empresas”. "A súa chantaxe baséase en supostos investimentos multimillonarios e na creación de postos de traballo que rara vez se materializan”, advirte quen tamén puxo de manifesto as experiencias xa vividas en países como os EUA, Suráfrica ou Canadá “onde se utiliza o fracking desde hai anos” e onde se "evidenciaron numerosos casos de sismicidade inducida polos pozos da fractura hidráulica, de contaminación de pozos e mananciais ou de vertidos á atmosfera de contaminantes canceríxenos".