Outra nova xornada de folga e protesta no ensino medio e superior galego. Baixo lemas como Nin Lomce, nin pacto entre elites: Lei Galega de Educación ou Por un ensino feminista e democrático, e convocada pola Asemblea Aberta de Mulleres, Erguer e Movemento Estudantil Galego (MEG), máis dunha ducia de manifestacións percorreron vilas e cidades reclamando unha "alternativa real" á denominada Lei Wert, ao Plan Boloña e ao Decreto 3+2 "en clave de país", ademais de reclamar un ensino "máis democrático" e libre de machismo. Os impulsores da protesta cifran un 85% o seguimento dun paro que "baleirou as aulas".
As organizacións convocantes cualifican de "éxito total" unha folga cuxo seguimento cifran no 85%
Con proclamas a favor dun "ensino público de calidade, democrático e feminista", milleiros de mozos e mozas saíron ás rúas das principais urbes e vilas galegas nunha mobilización que era tamén continuidade da celebrada o pasado 16 de novembro. As principais reclamacións, como explica Erguer, son "un maior número de horas lectivas en galego –especialmente na universidade–, unha forma de aprendizaxe máis práctica e pedagóxica no ensino medio, a necesidade de que a Xunta recupere as competencias en materia de educación que lle foron arrebatadas pola Lomce –para en último termo elaborar esa lei educativa galega– ou a necesidade dun ensino feminista".
Desde o MEG incídese no "mantemento da moratoria para a implantación do 3+2 en Galicia", nun "maior financiamento" do ensino ou no establecemento dun sistema de bolsas "ligadas á renda das persoas e non ao expediente académico", así como "unha baixada de taxas cara á gratuidade".
Mobilización estudantil este 19 de abril na cidade de Vigo / CC-BY-NC-ND GzContrainfo
A mobilización deste xoves estivo marcada por unha fonda reivindicación feminista ao ser impulsada en boa parte pola Asemblea Aberta de Mulleres e reclamar o estudantado "mecanismos efectivos" contra a violencia machista, a introdución da "perspectiva de xénero" en todas as materias ou a promoción da paridade nos órganos de goberno do ensino.
A protesta reclamou tamén "mecanismos efectivos" contra a violencia machista ou a introdución da "perspectiva de xénero" en todas as materias
A de Compostela, por exemplo, foi unha marcha cunha importante influencia de estudantes que rematou cunha "grande asemblea" organizada polos participantes na Praza de Parterías. "Esta forma de organización aberta, practicamente sen precedentes no movemento estudantil galego, foi especialmente reivindicada polos estudantes de todas as idades, tanto de institutos e bacherelato coma FP ou universidade, que decidiron baleirar as aulas para facer escoitar as súas reclamacións", destaca MEG.
As mobilizacións, ademais, contaron co apoio de toda a oposición parlamentaria e dos principais sindicatos. As organizacións xuvenís convocantes cualifican de "éxito total" dunha xornada na que falan de "baleiramento" das aulas. Houbo manifestacións e concentracións nas sete grandes cidades, ademais de noutras localidades como Boiro, Bueu, Cangas, Marín, Moaña ou Ribeira.
Desde Erguer, un dos colectivos convocantes, denunciose a "irrupción ilegal" da policía nacional en varias facultades da Universidade de Santiago "sen ter a necesaria autorización da Reitoría, identificando avarias compañeiras dos piquetes e mesmo tentando deter un conserxe en Medicina".