Centos de estudantes galego volveron saír este xoves á rúa nas principais poboacións galegas para exixir a supresión das reválidas e a derrogación da polémica Lomce. Na segunda xornada de folga convocada xa neste curso, os alumnos volveron criticar unhas probas que consideran "franquistas" e unha lei que é rexeitada masivamente pola comunidade educativa.
A organización estudantil Erguer cifra nun 90% o seguimento da folga
Desde Santiago, Iria Figueroa, portavoz da organización estudantil Erguer, cualificou como un "éxito" a convocatoria de folga que, di, foi secundada por arredor do 90% do alumnado no ensino medio e no Bacharelato. Ás manifestacións nas principais cidades xuntáronselle concentracións en numerosos centros doutras localidades, ademais das novas mobilizacións que se levarán a cabo á tarde.
Luca Chao (En Marea) e Ana Pontón (BNG) instaron a "botar abaixo a Lomce e as reválidas"
As manifestacións foron apoiadas por diferentes membros da oposición política. Na de Compostela, asistiron a portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, ou os deputados de En Marea, Antón Sánchez e Luca Chao. Esta última criticou que os alumnos "non saiban aínda de que van examinarse", en referencia á polémica reválida, e pediu "botar abaixo a Lomce". Ademais, criticou unha lexislación "segregadora e elitista" que "vai contra a igualdade de oportunidades e atenta contra os principios pedagóxicos básicos".
Pola súa banda, Pontón instou a Xunta a que "escoite o clamor da comunidade educativa" contra a Lomce e pediulle que "exerza as competencias que ten" para impulsar unha lei educativa en Galicia adaptada á "realidade" do país. Ademais, animou tamen a "botar abaixo a Lomce e as reválidas".
O PSdeG, ademais, tamén mostrou o seu apoio ás protestas de estudantes e profesores. O seu voceiro no Parlamento, Xoaquín Fernández Leiceaga, reclama unha “solución definitiva e estable” ás reválidas de segundo de Bacharelato e as probas de acceso coa suspensión da Lomce e unha nova norma de consenso.
"O ensino medio seguirá en loita até que consigamos a derrogación da Lomce, non nos valen as mensaxes confusas que lanza Rajoy á sociedade dando a entender que non haberá máis reválidas, mentres lexisla en sentido contrario. Non pararemos aquí e seguiremos en constante loita até que consigamos tombar esta lei que atenta contra o ensino público galego", engadiu Iria Figueroa, de Erguer Galiza.
>> HABERÁ AMPLIACIÓN