O Exército mantén un vertedoiro de explosivos mergullado a 21 millas de Ferrol

Proxectil desactivado pola Armada nas costas de Cartagena en novembro © http://ultimahora.es/

A 21 millas da costa de Ferrol, mergullado no fondo do mar hai un depósito de munición e explosivos caducados, utilizado polo Exército como vertedoiro até que estas prácticas cesaron en 1995, momento no que España comezou a cumprir o Convenio de Londres, un acordo internacional de 87 países para reducir a contaminación dos mares. Con todo, as toneladas de material perigoso e contaminante seguen alí. É un dos seis vertedoiros deste tipo recoñecidos nas costas españolas, como vén de revelar Materia, citando como fonte o gabinete do Almirante Xefe de Estado Maior da Armada, Jaime Muñoz-Delgado. Os outros cinco atópanse na Canarias, nas costas de Cádiz (dous), en Cartagena e nas illas Columbretes (entre Castellón e as Baleares).

Estes depósitos, denominados oficialmente Zonas de lanzamento de cargas de profundidade e vertedoiro de explosivos, conteñen obuses, minas, granadas e munición de armas lixeiras, aínda que a Armada non facilita detalles sobre a súa composición exacta. De igual xeito, como salienta Materia, o Convenio sobre a protección do medio mariño do Atlántico Nordeste (Convenio OSPAR), descoñece que hai no vertedoiro próximo a Ferrol (denominado F-130). Materia demandoulle información, igualmente, ao Ministerio de Agricultura, Alimentación e Medio Ambiente, que tamén afirma descoñecer o seu contido.

Os prexuízos e riscos derivados da existencia deste depósito son claro. Por un lado, a posibilidade de que algún dos elementos alí presentes explote, ou chegue á costa despois de desprenderse do conxunto. O perigo é maior para os mariñeiros que pescan nesas zonas e tamén para posibles traballos de dragado. Materia lembra o caso de tres pesadores holandeses que morreron en 2005 pola explosión dunha bomba da Segunda Guerra Mundial que acabara nas súas redes. "As explosións en profundidade tamén son unha ameaza para a fauna mariña" -subliña Materia- "tanto pola liberación de contaminantes perigosos coma polo son", que pode provocarlles aos animais danos nos oídos a máis de trinta quilómetros de distancia. Os outros perigos son para o medio ambiente, pola contaminación xerada por algún dos materiais cos que se fabricaba o armamento: chumbo, antimonio, cinc, cobre, ou explosivos coma o trinitrotolueno, a nitroglicerina ou a RDX, ademais doutros compostos químicos.

Segundo a OSPAR, “a práctica máis común é deixar as municións no fondo mariño e permitir que se desintegren de maneira natural”

Materia sinala, finamente, que "a solución non é sinxela", pois "os técnicos do tratado internacional recoñecen serios riscos asociados ás operacións de limpeza de vertidos de explosivos, tanto para o persoal coma para os ecosistemas, pola posible dispersión de substancias perigosas". Segundo a OSPAR, “a práctica máis común é deixar as municións no fondo mariño e permitir que se desintegren de maneira natural”.

 

32 anos despois do Xurelo

Inevitablemente veñen á cabeza as mobilizacións que hai trinta anos se produciron en Galicia contra estas prácticas, simbolizadas sobre todo pola fazaña do Xurelo

O depósito que se atopa fronte ás costas de Ferrol contén explosivos e munición convencional, e malia a súa perigosidade, os seus posible prexuízos son menores que os causados polos residuos nucleares vertidos na foxa atlántica até comezos dos oitenta. Porén, inevitablemente veñen á cabeza as mobilizacións que hai trinta anos se produciron en Galicia contra estas prácticas, simbolizadas sobre todo pola fazaña do Xurelo, un pequeno barco pesqueiro no que o 15 de setembro de 1981 un grupo de militantes de Esquerda Galega (Paco García, Gonzalo Vázquez Pozo, Manuel Rivas, Manolo Méndez...) e xornalistas (Isabel Naya, Xosé Castro, Xurxo Lobato...) e ecoloxistas (Roxelio Pérez Moreira, Enrique Álvarez) viaxou en dirección á fosa.

A pesar dos obstáculos, a aventura tivo éxito: o Xurelo atopou os barcos, fixolles fronte e conseguiu que a opinión pública galega e internacional tomase conciencia do que estaba sucedendo. Foi a primeira batalla dunha guerra que aínda durou un par de anos, até que finalmente as autoridades europeas decidiron a prohibición dos vertidos. Foi unha guerra gañada e foi sobre todo un dos actos orixinarios do movemento ecoloxista en Galicia.

Proxectil desactivado pola Armada nas costas de Cartagena en novembro © http://ultimahora.es/
Munición atopada pola ONG Grieme fronte ás costas francesas CC-BY-SA Materia

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.