- Un terzo dos concellos galegos asinan a campaña 'En negro contra as violencias machistas'
- HEMEROTECA | O feminismo fai historia nun 8M masivo en Galicia
O domingo celébrase o Día contra as Violencias Machistas. Ese día terán lugar a maior parte das actividades convocadas polo movemento feminista, que inclúen manifestacións nas sete cidades galegas, pero xa o sábado e o venres hai varios actos programados.
"No último ano coñecemos sentenzas xudiciais que confirman que a violencia sistémica por parte do Estado é aínda un desafío que debemos afrontar dende o feminismo"
"Neste 25 de Novembro queremos reivindicar a necesidade de tecermos redes de coidados e soporte das nosas vidas fronte a esas violencias que sufrimos e facelo dende a loita feminista", destaca a Marcha Mundial das Mulleres, que sinala que "no último ano coñecemos sentenzas xudiciais que confirman que a violencia sistémica e o monopolio da violencia por parte do estado son aínda un desafío que debemos afrontar dende o feminismo, que todas as campañas de chamados a denunciar as violencias machistas non ocultan a revictimización e mesmo a indefensión que sufrimos neses procesos de denuncia".
O venres ao mediodía nos 102 concellos que este ano participan na campaña En negro contra as violencias machistas haberá concentracións ante as sedes municipais, onde se lerá un manifesto. Ademais, ás 19 horas en Vigo está convocada unha manifestación silenciosa non mixta (só as mulleres poden participar). O movemento feminista pídelles ás asistentes que acudan con roupa negra, para marchar polas rúas unha vez que remate a performance que abrirá a mobilización.
O sábado no mercado do barrio vigués de Teis levarase a cabo unha nova acción de rúa, na que se convida ás persoas asistentes a deixar un zapato que simbolice cada unha das mulleres asasinadas polo terrorismo machista.
Denúnciase "o abandono que levan tempo sufrindo as mulleres vítimas por parte das administracións e do sistema xudicial, tanto por falta de recursos axeitados como pola visión patriarcal e machista que as segue rexendo"
O domingo terán lugar as mobilizacións máis importantes, con manifestacións convocadas nas sete cidades galegas (a de Ferrolterra partirá dende Narón) mais tamén en vilas como Padrón, A Estrada ou As Pontes. Algunhas delas, coma a de Compostela, estarán encabezadas por un bloque non-mixto. Varias das mobilizacións, coma a de Lugo, rematarán ou pasarán nalgún momento do seu percorrido diante dos xulgados da cidade, buscando "visibilizar o abandono que levan tempo sufrindo as mulleres vítimas tanto por parte das administracións públicas como do sistema xudicial, tanto por falta de recursos axeitados como pola visión patriarcal e machista que as segue rexendo a pesares de contar coa lexislación integral contra a violencia de xénero", sinala a Plataforma Feminista de Lugo.
Venres
- Varias localidades. 12 horas. Concentracións ante os concellos. Lectura do manifesto En negro contra as violencias machistas
- Vigo. 19 horas. Performance e manifestación silenciosa non-mixta (prégase acudir con roupa negra)
Sábado
- Vigo. 11.30 horas. Acción de rúa + teatro imaxe. Mercado de Teis (prégase acudir cun zapato para simbolizar cada unha das mulleres asasinadas)
- A Pobra do Caramiñal. 19 horas. Teatro-Cine Elma. Debate+Proxeccións audiovisuais+Concerto de Agoraphobia
- Ourense. 20 horas. Faladoiro: "Como nos atravesan as violencias machistas". A Galleira
Domingo
- A Estrada. 11.30 horas. Concentración. Diante do Concello
- As Pontes. 11.30 horas. Concentración. Praza do Hospital
- Vigo. 12 horas. Manifestación. Urzaiz
- Compostela. 12 horas. Manifestación. Praza Oito de Marzo
- Lugo. 12 horas. Manifestación. Diante do Concello
- Pontevedra. 12 horas. Manifestación. Praza da Peregrina
- Narón. 19 horas. Manifestación + batukada + performance. Praza da Gándara
- A Coruña. 20 horas. Manifestación. Obelisco
- Ourense. 20.30 horas. Manifestación. Diante da subdelegación do Goberno
- Padrón. 13 horas. Concentración. Rúa Rosalía de Castro
- Cangas. 12 horas. Concentración. Ante o Concello