O Colectivo STOP Desafiuzamentos A Coruña agaradeceu as mostras recibidas no Festival Independente de Rock Coruñés (FIRC) e en especial de varios grupos e os asistentes. Recalcan "a hipocrisía" do Concello da Coruña xa que mentres convida a grupos musicais que cantan "España es idiota" ou "desastre, desahucio, patada en la puerta, el agente de turno, el juzgado lo manda, y con la ley en la mano, pero no la razón, me han echado de casa, que me vaya a vivir debajo de un puente o que busque cobijo en algún albergue” para parecer "aberto e moderno", a represión das protestas na Coruña vai en aumento e ata "hai medo de permitir subir unha pancarta ou ler un manifesto que aborde seriamente esta realidade". Sinalaron que o Festival Independente de Rock Coruñés "non deixou de revelarse tamén coma un espazo onde a criminalización de movementos sociais estivo presente".
"Hai medo de permitir subir unha pancarta ou ler un manifesto que aborde seriamente esta realidade"
O colectivo xa leva denunciando dende fai unhas semanas que na Coruña asisten a unha "continua persecución policial da liberdade de expresión e manifestación" coa camapaña "Múltannos a nós para asustarte a ti". Denuncia que estes feitos evidencian que o Delegado do Goberno, Samuel Juárez, o Subdelegado, Jorge Atán e o alcalde Carlos Negreira "teñen a vontade de reprimir a expresión pública dunha cidadanía crítica que pon en evidencia os seus abusos políticos". O colectivo xa leva 5.500 euros en multas vinculados tanto a unha concentración convocada a nivel estatal diante das sedes do PP como na paralización do desfiunzamento de Aurelia Rey. Esta opinión tamén a comparten moitas das plataformas de afectados polas preferentes de Galicia que ven como lles chegan multas e propostas de sanción. Os motivos das denuncias, chegadas da Subdelegación do Goberno son entre outros: dificultar a identificación -algo que Stop Desafiuzamentos calificou de "totalmente falso" e que explica pola petición dos afectados aos axentes da Policía para que tamén se identificasen-, "unha perversa interpretación do que supón a 'seguridade' cidadá" ou "instigar as masas a defender o dereito á vivenda", como no caso de Aurelia Rey.
A pesar da represión, STOP Desafiunzamentos segue segue en loita na Coruña apoiando ás familias en risco de perder os seus fogares por culpa da manobra de especulación urbanística do Parque Ofimático e denunciando a mala actuación do concello "a solución que desexan as familias é manter os seus fogares, se están accedendo a colaborar no establecemento dun prezo por metro cadrado é porque se senten completamente acorraladas, cas escavadoras á porta das súas casas" ademais recalcan que o Concello "actúa como un lobby de presión a favor dos intereses de especulación urbanística existentes no Ofimático" onde "coñecidos representantes políticos e outros vinculados ao PP forman parte de varias das cooperativas que construirán vivendas nestes terreos".
"É sabido que a mellor censura é a autocensura: conseguir que as persoas decidan por si mesmas non se pronunciar críticamente contra os poderes públicos por medo ás consecuencias"
O Colectivo de STOP Desafiunzamentos advertiu que o ocurrido no FIRC é unha mostra máis para seguir coa campaña “múltannos a nós para asustarte a ti”: "é sabido que a mellor censura é a autocensura: conseguir que as persoas decidan por si mesmas, non se pronunciar críticamente contra os poderes públicos por medo ás consecuencias. Desgraciadamente esta presión tiñaa moi patente onte a empresa encargada de xestionar o FIRC e mesmo os grupos como KONFLIKTO e DEF CON DOS, que temían a posibilidade de deixar de ser contratados para seguintes eventos". A pesar do temor, as mostras de apoio repetironse non só no escenario senón tamén entre os asistentes.