O fiscal non presenta cargos contra os policías denunciados por lesións a un cámara da CIG

O traballador amosa as lesións, tras ser posto en liberdade CC-BY-NC-SA CIG

"Se dedicaba a provocarnos al grabarnos desde diferentes lugares, sobre todo de primer plano" ou "cuantos más agentes intervengan en la detención, menor daño se hace". Son algunhas das frases escoitadas na mañá deste martes no Xulgado de Instrución número 7 de Vigo, onde se celebraba o xuízo contra dous dos catro axentes antidisturbios acusados de cometer presuntos delitos de danos e lesións durante a detención dun cámara da Confederación Intersindical Galega durante a folga xeral do pasado 29 de marzo. Senllos partes de lesións, un da médico de cabeceira do traballador do sindicato e outro da forense, "que recoñeceu todas as lesións -escordadura de hombreiro, danos nos pulsos e diversos hematomas-", non serviron para que o Ministerio Público solicitase sanción ningunha para os membros da Policía.

A versión policial dos feitos contrasta notablemente non só coa do principal afectado, senón tamén coa ofrecida polos tres testemuños do xuízo. Aínda que o reporteiro gráfico da CIG recollía o desenvolvemento  das primeiras horas da folga xeral nas inmediacións dun centro comercial cun equipo de gravación profesional -antorcha, monópode e cámara que sufriu na detención danos por valor de 700 euros-, o relato dos axentes foi radicalmente diferente. Sitúan o traballador non recollendo en vídeo o labor dos sindicalistas, senón actuando "de piquete, gritando como los demás". "Despúes sacó una camarita handycam y comenzó a grabar", aseguran.

O cámara sufriu unha escordadura no ombro e diversos golpes e hematomas, que segundo os policías "se fixo el, ao resistirse"

Do mesmo xeito, aínda que os testemuños e o propio cámara explican que este accedeu a amosar o documento que o acreditaba como xornalista en canto lle foi solicitado, os policías aseguran que non "parou a falar" e, no que atinxe as lesións, "el daño se lo hizo él, al resistirse", observación que contrasta notablemente tamén coas imaxes do acontecido, nas que se pode observar a varios axentes enriba do traballador, que a causa das lesións tivo que acollerse a unha baixa laboral durante 21 días. Neste escenario, a CIG lamenta a "connivencia" entre a Fiscalía e a avogada da defensa, que "solicitou unha multa de 600 euros ao traballador por unha falta de desobediencia contra a autoridade". O fiscal, explica o sindicato, "conformouse con 280 euros".

Así as cousas, e malia á posición do Ministerio público, o letrado do cámara reclamou da xuíza a "apertura de dilixencias previas contra os polícias por presuntos delitos de lesións, danos e denuncia falsa". "En caso de que a petición non sexa atendida", detallan, o avogado solicita "de xeito subsidiario" unha multa de 600 euros para un dos axentes por unha falta de lesións, así como unha indemnización por unha falta de danos, 770 euros da reparación do equipo de gravación e 1.200 polos 21 días de baixa, neste caso para os dous antidisturbios. En calquera caso, o avogado do cámara ve "inaceptábel" que "a Fiscalía diferencie un e outro delito do xeito en que o fixo durante a sesión, cando teoricamente está para velar pola seguridade pública". Así, reprocha que "o interrogatorio dos policías foi unha luva de seda, mentres que as nosas testemuñas foron sometidas a un terceiro grao", ademais de "denunciar" que a Fiscalía "non se preocupe por perseguir unha actuación policial tan grave", na que "se detén un xornalista sen motivo, se lle agrede e se lle rompe o seu equipo profesional".

Varios axentes, sobre o cámara da CIG no momento da detención CC-BY-NC-SA CIG

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.