La Caixa presentou o seu Fondo Ético Garantido, un fondo que garante o 100% do capital e cuxos rendementos se vinculan á evolución das cotizacións dalgunhas empresas. A novidade está en que estas empresas cumpren cos estándares da RSC establecidos polo índice FTSE4 Good Europe, e por elo son consideradas empresas socialmente responsables. Os criterios da RSC e a capacidade de avaliar baixo estes criterios por algunhas auditoras veñen sendo fortemente cuestionados dende que estas apareceran, debido a que se trata de Empresas Transnacionais (ETN) cunha gran rede de filiais, e cuxo control resulta complicado incluso para a propia matriz.
Na portada da web anuncian que “investir segundo criterios sostibles non implica renunciar á rendibilidade dos investimentos”, pero a que se refire Caixa Bank cando fala de sustentabilidade? É sostible unha empresa polo feito de ser avaliada en base ó índice FTSE44 Good Europe? O listado de empresas supostamente exemplares inclúe a Allianz, Deutsche Post, Bayer, Inditex, KPN… Pero o currículo destas compañías dista bastante de ser unha mostra de responsabilidade social e ambiental.
Bayer e a súa responsabilidade social
Bayer é membro fundador da iniciativa Global-Compact da ONU, coopera tamén co Programa de Nacións Unidas para o medio ambiente (PNUMA). Podemos ler nas páxinas web da empresa as seguintes afirmacións, que xustifican a sustentabilidade social e ambiental da empresa: “as empresas químico-farmacéuticas non se deben limitar a producir medicamentos, senón que o seu labor debe promover a calidade de vida da sociedade a través da prevención e o diagnóstico precoz. Centramos o noso interese nas áreas de formación e investigación, medio ambiente e natureza, asuntos sociais e saúde, así coma deporte e cultura”.
Pero a realidade choca coas declaracións de boas intencións. Segundo a organización Coalition Agaisnt BAYER Dangers, que segue a pista da empresa alemá dende 1983 e que ten denunciado multitude de impactos sociais e ambientais dende a súa fundación ata a actualidade, Bayer lucrouse considerablemente a través das súas colaboracións con ditaduras como a de Pinochet ou a do réxime nazi. Bayer comezou a súa gran expansión co nacemento, no ano 1934, do complexo químico IG Farben. IG Farben foi declarada culpable polo Tribunal Internacional de Crimes de Guerra de Nuremberg, cuxo xuízo se celebrou durante o 1947, pola súa responsabilidade na guerra e na represión da ditadura nacionalsocialista. Un dos inventos deste complexo foi o gas Zyklon.B, utilizado nas cámaras de gas durante o xenocidio. En pleno holocausto nazi. IG Farben dispuxo, por orden do xefe das S.S. Heinrich Himmler, dunha fábrica de produtos químicos ó lado do campo de exterminio de Auschwitz.
Nos anos 80 Bayer continuou a vender en Asia e Latinoamérica un medicamento anticoagulante para hemofílicos, cos que gañou millóns de dólares, que xa non podía vender en Europa e nos Estados Unidos
Aínda que a relación entre a transnacional e o nazismo sexa cousa do pasado, sempre que se presenta a ocasión Bayer segue a demostrar que o lucro pasa por diante dos Dereitos Humanos cada vez que se lle presenta a oportunidade. Nos anos 80 Bayer continuou a vender en Asia e Latinoamérica un medicamento anticoagulante para hemofílicos, cos que gañou millóns de dólares, que xa non podía vender en Europa e nos Estados Unidos. O medicamento tiña un alto risco de contaxiar o VIH ós enfermos, e a empresa decidiu desfacerse do seu stock en mercados cun menor control.
En outubro de 1999, na Comunidade Tauccamarca, Perú, 44 nenos e nenas foran intoxicados por consumir un almorzo contaminado por un plaguicida altamente tóxico, Parathión etílico, prohibido dende 1998. Morreran 24 deles e os demais arrastran secuelas neurológicas. A revista Multinational Monitor, que vixía o comportamento das corporacións transnacionais, elixiu a Bayer durante os anos 2001, 2002 e 2003 como unha das dez peores empresas do mundo. Rusell Mokhiber e Robert Weissman, editores da publicación, acusan a Bayer de chantaxear ó Goberno estadounidense e ós cidadáns co prezo do seu medicamento contra o ántrax, Ciprobay. Bayer mantivo o monopolio deste antídoto en plena crise dos atentados do 11-S.
A compañía foi encausada nas tres edicións do Tribunal Permanente dos Pobos por violar máis de 20 instrumentos internacionais de dereitos humanos mediante o fomento da confianza na venta e o uso de pesticidas perigosos
A compañía foi encausada nas tres edicións do Tribunal Permanente dos Pobos (Viena 2006, Lima 2008 e Madrid 2010) por violar máis de 20 instrumentos internacionais de dereitos humanos mediante o fomento da confianza na venta e o uso de pesticidas perigosos e inseguros coma o endosulfán, paraquat e os neonicotinoides. A empresa obtén boa parte dos seus beneficios (que ascenderon a 166 millóns no 2011) das desastrosas condicións da gandería industrial, onde xorden novas enfermidades constantemente polo abuso de produtos como Baytril que favorecen a aparición de cepas resistentes ós antibióticos, que se traspasan ás persoas que consuman a carne de dito animal. Un estudo realizado pola European Food Safety Authority (EFSA) o pasado outono chegou á conclusión de que o uso de antibióticos na cría de animais aumenta o risco da súa ineficiencia nos seres humanos. A Organización Mundial da Saúde (OMS) leva esixindo durante anos a prohibición da utilización a gran escala de antibióticos na cría de animais, pero Bayer segue a publicitar os seus produtos como se de grandes solucións para a gandería se tratasen.
O 28 de decembro de 2011 Bayer realizou unha petición para cultivar en España algodón xeneticamente modificado GHB614 tolerante ó glifosato, o principio activo do herbicida total Roundup. O cultivo de OGM xerou tamén a crise dos apicultores españois, que viron desaparecer rapidamente as poboacións de abellas debido á contaminación con polen OGM.
Fondos de investimento “éticos”?
Mesturar a ética co que o mundo dos negocios denomina “responsabilidade social empresarial” é, cando menos, pretencioso
Mesturar a ética co que o mundo dos negocios denomina “responsabilidade social empresarial” é, cando menos, pretencioso. Polo momento, as empresas que máis intensamente se dan a coñecer coma pioneiras da responsabilidade social, son as que máis impactos sociais e ambientais negativos se ven obrigadas a xestionar polo seu voraz ánimo de lucro e como resposta á presión de campañas internacionais e das comunidades afectadas polas súas prácticas sucias.
De maneira que, señores de Caixa Bank, se queren ser éticos, en vez de investir en Empresas Transncionais de dubidosa responsabilidade e cuxas actividades non controlan, poderían comezar por dar unha resposta ó caso das participacións preferentes, no que estafaron a 300.000 persoas os aforros de toda a súa vida. Este banco aplicou o famoso “corralito” sobre os seus propios clientes ós que enganou. Iso está nas súas mans e é un primeiro paso para que a sociedade catalá e o resto do Estado recuperen a confianza que perderon nun banco que se reivindica coma un exemplo de inversión “ética”.
Inés Marco (Observatori del Deute en la Globalització) e Albert Sales (Campaña Ropa Limpia). Publicado no Periódico Diagonal a 23 de maio de 2012. (Traducido ao galego por Fernando Fernández Méndez do Observatori del Deute en la Globalització).