O 1 de setembro entra en vigor o decreto polo que en toda España as persoas migrantes sen regularizar terán que pagar un seguro sanitario co sistema público para ter dereito á saúde. Algunhas comunidades, como Navarra, Euskadi, Andalucía ou Asturias van poñer en marcha mecanismos para, dun ou doutro xeito, garantir que ningunha persoa fique sen atención sanitaria. Non é o caso de Galicia, onde a partir do sábado os sen papeis que non teñan recursos suficientes perderán este dereito. O Foro Galego da Inmigración, ao igual que as forzas políticas da oposición, e entidades en defensa da sanidade pública e colectivos médicos, manifestaron en varias ocasións o seu rexeitamento frontal.
O Foro Galego da Inmigración manterá este venres unha xuntanza coa Consellaría de Sanidade e cren quen a Xunta lles ofrecerá unha alternativa para que as persoas migrantes poidan ter acceso á atención sanitaria, por exemplo algún tipo de tarxeta solidaria, "un apaño semellante ao que se vai poñer en marcha en Navarra, polo que a administración autonómica se encarga de pagarlles ás persoas sen recursos esa póliza anual que esixe a lei".
"O que hai que cambiar é a normativa estatal”, reclama Miguel Fernández, que engade que “se non, calquera outra alternativa é un apaño"
"O que hai que cambiar é a normativa estatal”, reclama Miguel Fernández, que engade que “se non, calquera outra alternativa é un apaño, un apaño que será benvido, por suposto, porque evitará que estas persoas queden desatendidas, pero nós o que reclamamos é o mantemento do dereito universal". Con todo, os representantes do Foro lembran que o momento preelectoral fai que calquera proposta non pase de ser unha "promesa", pola dificultade da súa aplicación até despois do 21 de outubro.
Esta entidade leva varias semanas traballando en colaboración con outros colectivos, com S.O.S. Sanidade Pública, a Asociación Galega de Medicina Familiar ou Médicos do Mundo, para reivindicar os dereitos de todas as persoas. Nese senso realizarán, conxuntamente, un acto de protesta o luns 3 de setembro en Compostela ás once e media da mañá diante do ambulatorio Concepción Arenal. O Foro cre que o máis preocupante é que “detrás disto hai un cambio de modelo sanitario”, polo que xunto coa reivindicación dunha solución inmediata, estas entidades loitarán polo mantemento do dereito universal. “Os profesionais son os que mellor saben que os apaños non serven”, di Miguel Fernández.
O Foro da Inmigración realizará un acto de protesta o luns en Compostela, xunto con S.O.S. Sanidade Pública, a Asociación Galega de Medicina Familiar
De igual xeito, a CUT chamou hai uns días á "desobediencia civil" contra o que considera é un acto de "racismo institucional". O sindicato acusa o Goberno de Rajoy de "alentar un discurso que culpabiliza aos movemento migratorios da crise económica, nunha das "clásicas" manobras de distracción das dereitas imperialistas, que arrastrará necesariamente grandes doses de conflito intestino para as traballadoras e traballadores". A CUT apoia as iniciativas activas de boicot a este Real Decreto, e adhírese ao chamado de múltiples organizacións de profesionais saúde para que desenvolvan, "dende unha persistencia dignamente desobediente, a atención sanitaria con absoluta normalidade á marxe da situación administrativa de cada traballador ou traballadora".
O Foro Galego da Inmigración realizará outras accións divulgativas e reivindicativas ao longo do mes de setembro, coma a presentación dun vídeo ou unhas xornadas informativas no Colexio de Médicos da Coruña.