O Foro da Inmigración tilda de "racista" que os inmigrantes paguen unha póliza sanitaria

Manifestación do Foro Galego da Inmigración CC-BY-SA Foro Galego da Inmigración

"É unha terrible inxustiza". O Foro Galego de Inmigración, agrupación de entidades que presta servizos aos colectivos inmigrantes en Galicia, cualifica a proposta do Goberno para que os inmigrantes irregulares paguen unha póliza para acceder á sanidade estatal como "unha nova e lamentable ocorrencia" coa que o Executivo "intenta disimular" a súa verdeadeira intención: "deixará fóra do sistema" os sen papeis.

"A verdadeira intención do Goberno é deixar os inmigrantes fóra do sistema"

Mediante un comunicado de prensa, a asociación lembra que "a nivel práctico" aos inmigrantes que se atopan en situación irregular en España élles "imposible asumir" o importe que pretende cobrar o Executivo, uns 710 euros anuais de carácter xeral, polo que pon nunha situación de emerxencia a un dos colectivos máis necesitados nestes tempos de crise.

"Non é aceptable desde o punto de vista ético, porque supón manter pechada a atención sanitaria a un dos colectivos en maior situación de vulnerabilidade"", destacou o Foro Galego da Inmigración, que insiste en que a idea do PP e do Goberno de Mariano Rajoy non é outra que "responsabilizar" os inmigrantes "das dificultades de sostemento do sistema sanitario por un suposto abuso del", o que suón "unha decisión claramente racista".

"Supón unha exclusión intolerable e perigosa que afecta a entre 10.000 e 15.000 persoas en Galicia"

Igualmente, advertiu de que esta decisión supón "unha exclusión intolerable e perigosa" dun colectivo que en Galicia abrangue "entre 10.000 e 15.000 persoas". Así, o Foro instou a cidadanía a que "non se deixe enganar" con este tipo de propostas, facendo fincapé en que os inmigrantes ilegais "non teñen nada que ver co chamado turismo sanitario", cuestión que "incumbe de forma practicamente exclusiva a persoas procedentes da Unión Europea".

Manifestación do Foro Galego da Inmigración CC-BY-SA Foro Galego da Inmigración

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.